O BNG de Vilaboa, disposto a "boicotear" as accións do Concello para promocionar a cultura militar coa Brilat
Por Redacción
O BNG de Vilaboa anunciou esta fin de semana a súa disposición a "boicotear" calquera acto de carácter municipal que se impulse desde o Concello dirixido ao "branqueamento, promoción e divulgación da cultura militar e do militarismo", incluídas as actividades relacionadas coa banda de música militar do cuartel de Figueirido.
Os nacionalistas fixeron estas afirmacións en resposta ao anuncio do Concello de Vilaboa de que van establecer unha colaboración coa base militar de Figueirido. O goberno socialista, do que ata hai poucos meses formaba parte do BNG, sinalou que ve unha vantaxe que Vilaboa acolla unha base militar do exército no seu territorio, pero o BNG cre que esa vantaxe "non existe e nunca existiu".
Ademais, insiste en que o único que ten achegado a existencia dese enclave militar para a cidadanía de Vilaboa, historicamente, é "unha sucesión de conflitos veciñais e loitas" polos dereitos das veciñas e das Comunidades de Montes do concello a usar as súas propiedades e a ter unha vida fóra das escenas bélicas e militaristas.
O BNG amósase especialmente crítico co desexo do goberno local do PSOE de potenciar a relación coa banda de música da Brigada Galicia VII, Brilat, de Figueirido. Así, considera que, no contexto actual de pandemia e a situación de vulnerabilidade do sector cultural, é momento de facer unha aposta seria desde as institucións á hora de programar actividades e promocionar a cultura propia. "Se a maior aposta cultural do concello de Vilaboa vai ser a de promocionar e difundir a Banda de Música da Brilat, parécenos un insulto", valoran os nacionalistas.
Así, lembran que Vilaboa ten unha Escola de Música que ten acadado numerosos recoñecementos nos últimos anos coa súa Banda de Música e consideran que promocionar a banda de música do cuartel de Figueirido sendo coñecedores de que se conta cunha banda de música profesional no concello, que ten pasado e pasa por momentos económicos difíciles, e que é símbolo da capacidade dos vilaboeses, "non só é unha mala xestión política, se non que denota unha falta de proxecto para o noso concello".
O BNG de Vilaboa manifesta o seu total rexeitamento a calquera vinculación da institución municipal co Exército e solicita ao Goberno municipal que adique os seus esforzos á busca activa de medidas que faciliten a vida da poboación e aplicar medidas sociais que palíen a situación de crise actual.