Bueu celebrou o Pleno a porta pechada e con transmisión en directo
Por Redacción
A corporación municipal de Bueu celebrou a sesión plenaria este luns, 2 de novembro, cun formato novidoso, pois adaptouse o salón de sesións para que os concelleiros puidesen cumprir coas medidas de seguridade, ao tempo que se transmitiu en directo a través da canle de YouTube do Concello de Bueu.
Estas medidas, que foron adoptadas para previr a Covid-19 e cumprir co horario do toque de queda, permitiron celebrar unha sesión a porta pechada que, con todo, estivo ateigada de asuntos no debate, non só os incluídos na orde da día, senón tamén os traídos pola vía da urxencia.
Tras a aprobación das actas das sesións anteriores e da Conta Xeral do 2019, o debate centrouse nas mocións presentadas polo PP, sobre a designación dun delegado de protección de datos e unha campaña de apoio ao comercio local, foron desestimadas porque estes asuntos xa se atopan na "axenda de traballo do goberno".
No que si houbo unanimidade foi nas propostas que se debateron no pleno pola vía da urxencia. A primeira delas tiña que ver co inicio dun expediente de investigación sobre a natureza dun camiño público ou privado na zona de Coumiñán (Beluso), que está xerando moito malestar entre a veciñanza do lugar e cuxa natureza é preciso esclarecer canto antes, segundo consta na proposta do concelleiro de urbanismo.
Continuouse coa moción de consentimento para incluír as alfombras de Bueu na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade; e tamén se aprobou por unanimidade unha declaración institucional polo 25 de novembro, Día Internacional Contra as Violencias Machistas.