A Deputación convoca o concurso ‘Reacción polo Clima’ para pezas audivisuais de xente nova
A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, pon en marcha a primeira edición do concurso ‘Reacción polo Clima’, que ten por finalidade promover a loita contra o cambio climático a través de manifestacións artísticas visuais e, deste xeito, potenciar o talento da mocidade e amosar as súas reivindicacións neste ámbito.
Neste concurso poderán participar persoas físicas e xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:
- No caso das persoas físicas, ter unha idade comprendida entre os 16 e os 30 anos na data de presentación da solicitude e estar empadroadas en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra.
- En canto a persoas xurídicas, deben ser entidades sen ánimo de lucro que teñan a súa sede social na provincia de Pontevedra e que polo menos o 50 % dos membros da súa xunta directiva sexan persoas físicas con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos
Os traballos presentados serán en formato audiovisual, e admitirase calquera tipoloxía empregada pola mocidade nas redes sociais ou medios de difusión de natureza similar (como, por exemplo, Instagram, TikTok, Youtube, etc.). A duración máxima do vídeo será de cinco minutos e todos os proxectos deberán ser inéditos.
Establécense tres premios de 1.000 euros (primeiro premio), 600 euros (segundo premio) e 400 euros (terceiro premio).
As persoas interesadas en participar poderán presentar a súa solicitude, preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra: https://sede.depo.gal. Opcionalmente (no caso de persoas físicas), as solicitudes poderán presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra que, unha vez cuberto, xerará a solicitude en formato PDF, que se deberá imprimir e asinar para a súa presentación presencial. O prazo de presentación das solicitudes e proxectos remata o 13 de novembro de 2020. Admitirase só unha solicitude por cada persoa física ou xurídica participante.
As bases reguladoras do concurso ‘Reacción polo Clima’ publicáronse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) do 23 de outubro de 2020 e poden consultarse a través dos seguintes enlaces:
- Bases reguladoras do concurso ‘Reacción polo Clima‘: https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2020/10/23/2020047531
- Resumo das bases reguladoras do concurso ‘Reacción polo Clima’: https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2020/10/23/2020047643
A MOCIDADE E A ‘REACCIÓN POLO CLIMA’
As organizacións dirixidas por mozas e mozos necesitan ser fomentadas e empoderadas a participar na posta en práctica de políticas públicas de maneira local, rexional e nacional da ‘Axenda 2030‘, un compromiso subscrito por 193 países que persegue a igualdade entre as persoas, protexer o planeta e asegurar a prosperidade de acordo aos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible establecidos polas Nacións Unidas.
A mocidade xoga un papel significativo na implementación, vixilancia e revisión da ‘Axenda 2030‘, e mesmo ten o potencial de facer máis efectiva a transformación do mundo nun lugar mellor para todas as persoas.
O cambio climático é o maior desafío do noso tempo e agora atopámonos nun momento decisivo. Desde pautas meteorolóxicas cambiantes, que ameazan a produción de alimentos, ata o aumento do nivel do mar, que incrementa o risco de inundacións catastróficas, os efectos do cambio climático son de alcance mundial e dunha escala sen precedentes. Se non se toman medidas drásticas desde hoxe será máis difícil e custoso adaptarse a estes efectos no futuro.
Cada 24 de outubro conmemórase en todo o mundo o Día Internacional Contra o Cambio Climático, unha celebración instaurada pola Organización das Nacións Unidas para paliar os devastadores efectos que se están producindo nos últimos anos en todo o planeta. Foi arredor desta efeméride e pensando no empuxe e compromiso da xente máis nova que a Deputación de Pontevedra acordou a posta en marcha desta primeira edición do concurso ‘Reacción polo Clima’ co que apoiar a loita contra o cambio climático e os seus efectos.
Relacionadas:
-
A Deputación impulsará actividades para compensar as emisións de carbono
Por Redacción |
-
Os Premios Provinciais á Xuventude xa teñen gañadores
Por Redacción |
-
Sanxenxo, Poio, Caldas de Reis e Vilaboa levan a Pleno o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía
Por Oskar Viéitez |
-
O proxecto 'Ágora' da Deputación para recuperar espazo público aspira a obter fondos europeos
Por Redacción |