Meaño maniféstase o domingo contra o "precario" estado da sanidade no municipio
Por Redacción
O vindeiro domingo 15 de novembro, ás 11 horas, a veciñanza de Meaño está convocada a saír á rúa para criticar o "precario" estado da sanidade neste municipio do Salnés.
Trátase dunha manifestación convocada polo BNG que partirá do centro de saúde de Dena, pasará polo centro de saúde de Meaño e rematará diante da Casa do Concello.
Os nacionalistas consideran que, ante a actual situación de emerxencia sanitaria, "non se pode permitir" unha atención sanitaria "precaria" como a que teñen en Meaño, onde, segundo denuncian, xa é definitivo que quedaron sen pediatra, tendo que desprazarse ao centro de saúde de Baltar.
Ademais, segundo denuncian, o centro de saúde de Dena conta tan só cun profesional 4 horas ao día catro días á semana, cambiando cada semana de médico.
O BNG de Meaño fai un chamamento a toda a cidadanía e ás asociacións e colectivos a participar na manifestación, na que participará a deputada no Parlamento de Galicia Montse Prado.