Comezan os traballos de acondicionamento da Fonte de Vilar
Por Redacción
Comezaron este luns as obras que o Concello de Bueu desenvolve na Fonte de Vilar, na parroquia de Beluso. O alcalde Félix Juncal visitaba a zona onde están a traballar os operarios da brigada de albanelería e cantería, contratado a través do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra.
A iniciativa centrarase en limpar toda esta contorna e acondicionar a instalación. Esta actividade enmárcase dentro do plan de acondicionamento do patrimonio municipal, do mesmo xeito que a mellora da fonte e o lavadoiro do Lago Mansiño, en Fontenova e na de "Requeixo', no lugar de Bon. Todas estas accións leváronse a cabo na parroquia de Beluso.
O alcalde, responsable tamén do departamento de obras e servizos, sinala que neste momento se poden asumir estes traballos despois de solicitar a brigada co persoal procedente do plan da institución provincial.
Desde o Concello sinalan que continuarán realizando traballos de acondicionamento de fontes e lavadoiros, espazos que axudaron tradicionalmente á socialización da cidadanía. O plan de traballo continuará en próximos meses co mantemento do lavadoiro situado na zona de Xexide e co de Portas, no vial que transcorre entre Outeiro e A Barraca.