En Marín o 25N será "máis dixital, artístico e comprometido ca nunca"
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín adaptou ás restricións sanitarias vixentes os actos do 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, polo que este ano será "máis dixital, artístico e comprometido ca nunca".
Deste xeito, realizarase un proxecto artístico na Alameda de Rosalía de Castro, utilizando o arte para visibilizar a realidade das mulleres que sofren violencia de xénero.
Dentro desta intervención artística, tomará relevancia un banco pintado de cor morado que o CIM vén de elaborar e no que se pode ler unha frase dunha vítima de violencia machista, que creou a "Carta aberta á liberdade", que se traballará co alumnado dos institutos marinenses. A frase que se pode ler é "Unha nova vida empeza e a túa liberdade está ao outro lado do medo".
O Palco da Música tamén acollerá a exposición de arte fotográfico "Cadeas rotas" coa participación de mulleres marinenses, unha mostra itinerante que pasou polos distintos centros educativos da vila.
Precisamente cos centros tamén se están a realizar diferentes actividades, segundo os distintos rangos de idade, que se traballarán co alumnado durante todo o que resta de mes.
Ademáis, durante toda a semana anterior ao Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, subiranse publicacións ás redes sociais do Concello recollendo parte das actividades organizadas polo CIM que está a construir unha páxina web, que se estreará o propio 25N.
PREMIOS LAZO VIOLETA
Este ano os Premios Lazo Violeta serán concedidos polo Consello Municipal da Muller aos grupos profesionais que interveñen na xestión dos casos de violencia de xénero e que viron intensificado o seu traballo durante a pandemia.
Son a Unidade de Atención á Familia e á Muller da Policía de Marín (UFAM), o Punto de Atención Continuada (PAC) e a Unidade de Traballo Social de Atención Primaria, a quenda especial de violencia de xénero do Colexio Oficial de Avogacía de Pontevedra, o Xulgado de Garda, o Centro de Recuperación Integral da Muller, a Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación de Pontevedra e a Secretaría Xeral de Igualdade en Galicia.
Relacionadas:
-
O Centro de Información á Muller de Marín rexistrou 906 consultas durante 2020
Por Redacción |
-
25N | Marín chama á unidade ante as cifras "inaguantables" da violencia machista
Por Redacción |
-
Pontevedra rexistra 1.095 casos activos de violencia de xénero
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Música e palabra para combater o silencio e o esquecemento
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Mes reivindicativo en Poio polo 25-N coa reactivación da campaña 'En Negro contra as Violencias'
Por Redacción |