Convocada a primeira Xincana Mobilidade para adaptarse á nova normativa nunha xornada festiva
Por Redacción
O sábado 28 de novembro celebrarase a primeira Xincana Mobilidade, unha proposta do goberno local de Pontevedra coa intención de pechar este mes cunha festa que convide á cidadanía para afacerse á nova normativa de mobilidade.
A iniciativa celebrarase seguindo todos os protocolos de seguridade co debido uso da máscara, participación individual ou de grupos conviventes e con saída graduada para evitar aglomeracións para percorrer os tres circuítos establecidos para esta actividade.
Demetrio Gómez, concelleiro de Mobilidade, indicaba este martes que para apuntarse é necesario acudir a algunha destas catro tendas de venda de bicicletas da cidade: Farto, Otero, MotoBike e El Puerto. Alí, as persoas interesadas deberán cubrir unha ficha antes do día 28. Aqueles que non poidan terán a oportunidade de apuntarse o mesmo día de celebración, pero recoméndase a inscrición previa para programar de maneira graduada as saídas.
Durante ese sábado 28, entre as 16.00 e as 17.00 horas darase a saída, tras pasar pola oficina e recoller a tarxeta, que permite a participación na proba popular e a posibilidade de gañar premios.
Demetrio Gómez afirmaba que ata as 20.00 horas desenvolveranse as probas de circulación polos tres circuítos: un con máis tráfico mecanizado, que se desenvolverá por Campolongo; outro de coexistencia na zona de ensanche da cidade en rúas como Castelao ou Cruz Gallástegui; e por último, un circuíto peonil que se realizará polo centro histórico.
Ningún dos percorridos alcanza os tres quilómetros porque a idea é que haxa participantes desde os tres anos ata persoas maiores. A condición fundamental para obter premios é cumprir coas normas de amabilidade, de forma que quen circule nalgún vehículo adapte a súa velocidade, baixe da bicicleta cando percorra unha beirarrúa ou manteña todas as normas de seguridade para evitar incidencias. Para asesorar aos participantes haberá desde persoal voluntario a integrantes de Protección Civil e axentes da Policía Local.
Demetrio Gómez recoñece que a idea é dar a coñecer esta nova normativa ao mesmo tempo que se realiza unha actividade alegre, divertida e diferente en oposición ás tardes monótonas ás que a pandemia está a afacer á sociedade.
Relacionadas:
-
Animan ás cidades a introducir "cambios" para "mellorar as condicións" da mobilidade en bicicleta
Por Redacción |
-
"Ningún veciño ten que terlle medo a circular en coche pola cidade"
Por Redacción |
-
Activan a campaña "Pontevedra Suma" para divulgar a nova ordenanza de mobilidade
Por Alejandro Espiño |