Xustifica que levaba encima 12 gramos de heroína e pastillas de metadona para autoconsumo porque tomaba 3 gramos diarios
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza un xuízo contra Roberto L.S., un home acusado dun delito contra a saúde pública para o que a Fiscalía pide catro anos de prisión e o pago dunha multa de 2.039,24 euros por levar encima 12 gramos de heroína, 6 pastillas de metadona no seu envoltorio e 2 pastillas soltas para vendelas a terceiras persoas.
O xuízo celebrouse este martes na Audiencia pontevedresa e, tras o mesmo, tanto a Fiscalía como a defensa do acusado mantiveron as súas conclusións provisionais, ao entender que quedaron demostradas as súas dúas posturas contraditorias.
O acusado recoñeceu que levaba encima a droga, pero sostén que era para autoconsumo, de modo que o seu avogado pide que non sexa condenado por tráfico de drogas mentres que a Fiscalía non se cre a súa declaración e cre acreditado que levaba encima esas substancias "para destinalas ao tráfico".
Roberto L.S. foi interceptado pola Garda Civil sobre as 14.45 horas do 26 de novembro de 2018 á altura da rotonda de Goián, en Tomiño, cando circulaba nun vehículo dunha amiga e, nun rexistro superficial, atopáronlle na roupa interior unha bolsa con 12 gramos de heroína, 6 pastillas de metadona no seu envoltorio e 2 pastillas soltas. Foi detido e, xa en dependencias policiais, atopáronlle unha dose de cocaína e 819,90 euros en metálico.
Durante o xuízo celebrado na Audiencia, o acusado explicou que levaba encima ese diñeiro porque llo prestou a súa nai para pagar unhas débedas pendentes e que a droga era para consumo propio. Antes de ser detido fora á Unidade de Atención de Drogodependencias de Porriño, onde lle entregaban a metadona, e a heroína adoitaba consumila a razón de tres gramos diarios .
Esa versión dos feitos non satisfai á Fiscalía que cre que se ese diñeiro fose para pagar a débeda que el relata, nunha inmobiliaria na Guarda, onde vivía, non iría con el encima ata outra localidade, de modo que a súa versión "non é crible".
A fiscals engade que considera que os 12 gramos de heroína son unha cantidade "elevadísima" como para destinala a autoconsumo e que "non é posible" que consuma 3 gramos diarios. Ademais, cre "imposible" que cos ingresos legais que acreditou poida sufragar un consumo tan elevado cada día.
O avogado defensor insiste que o acusado é consumidor de cocaína e heroína desde hai "moitísimos anos" e ten "abuso frecuente" desas substancias, como confirmou el mesmo durante a súa declaración e sosteñen distintos informes do médico que o atendeu o día da detención nun centro de saúde, dos forenses que o avaliaron e da Unidade de Drogodependencias da que era usuario.
O letrado engade, ademais, que presenta un diagnóstico psiquiátrico de "inestabilidade emocional de tipo impulsivo" compatible co autoconsumo desa cantidade de droga que lle incautaron.
Durante o xuízo, no que o acusado estivo custodiado pola Policía Nacional porque nestes momentos atópase privado de liberdade, declararon unha amiga súa e o seu marido que confirmaron que o día dos feitos levábano en coche porque o acompañaron a Porriño a buscar a metadona e a Correos e sinalaron que descoñecían que leva encima esa cantidade de droga, pero si eran coñecedores do seu consumo frecuente.