Dúas concentracións de representantes sindicais sanitarios cun obxectivo: a marcha da xerencia do Complexo Hospitalario
Por Redacción
A división entre as forzas representadas na Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra provocou que este xoves a entrada do Hospital Provincial acollera dúas concentracións distintas, cunha hora de diferenza, nas que se busca o mesmo obxectivo: o cesamento da xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e a adopción de máis medidas de protección para o persoal sanitario que traballa nos hospitais públicos.
Ás 11.00 horas, representantes de CIG, UXT, OMEGA, CSIF, CCOO, TSP e SATSE reclamaban a dimisión da dirección hospitalaria, que encabeza o xerente José Ramón Gómez, polos erros que suma desde o inicio da pandemia. Xunto ao xerente, estes sindicatos demandan a marcha da dirección asistencial, da dirección de enfermería e de xestión.
Estes sindicatos sinalan que, neste momento, carecen de dirección de Recursos Humanos porque a praza quedou vacante ao ser transferida María Cobas Brey, directora de Recursos Humanos ata este mes, ao área sanitaria de Vigo.
Piden máscaras FFP2 para todo o persoal que teña contacto con pacientes e equipos de protección EPIS cada vez que sexa necesario o seu uso. Alertan de que se rexistraron gromos entre o persoal sanitario e non sanitario nas unidades de Traumatoloxía, Oncoloxía, Medicina Interna, Urxencias e, segundo os datos que manexan entre o persoal, hai positivos en Diálises, Cardioloxía, Pneumoloxía, Neuroloxía, HADO e, outra vez, no departamento de Traumatoloxía.
Denuncian tamén que agora, desde a xerencia, queren facer crer que os traballadores sanitarios son os que contraen covid nos seus domicilios e despois trasládanos aos centros hospitalarios. Estes representantes sindicais afirman que a situación é a contraria, que do hospital trasladan a enfermidade ás súas casas.
Estes sindicatos, con maioría na Xunta de Persoal, manterán un encontro este venres coa deputada do BNG Montse Prado para que traslade as súas queixas ao Parlamento de Galicia.
SEGUNDA CONCENTRACIÓN
Ás 12.00 horas, as escaleiras do Hospital Provincial tamén se convertían no espazo de protesta para os outros tres sindicatos que forman parte da Xunta de Persoal, Prosagap, CESM e Co.Bas.
Neste caso, tamén reclaman a dimisión ou o cesamento do equipo que conforma a xerencia do Complexo Hospitalario e solicitan medidas de control de accesos aos centros hospitalarios para evitar contaxios, ademais de máscaras FFP2 para os profesionais tanto de centros de saúde como dos hospitais.
Acusan á dirección de burlarse das demandas do persoal cando piden máis protección e de non ofrecer resposta aos problemas que levan presentado durante meses, poñendo en risco a saúde dos profesionais sanitarios e da poboación en xeral.
Estes sindicatos denuncian, ademais, ao Sergas de utilizar a situación de pandemia para levar a cabo unha política de precariedade na sanidade pública e rematar coas garantías de acceso ao emprego público nos centros sanitarios.
Relacionadas:
-
Lucerío para seguir reclamando o cesamento da xerencia da área Sanitaria e unha adecuada protección do persoal
Por Marisa Ciordia |
-
Concentración con lanternas para "iluminar" aos xestores da Sanidade Pública
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Prosagap, Co.Bas e CESM preparan unha concentración na Praza de España para pedir o cese da xerencia
Por Redacción |
-
Unha muller de 96 anos eleva a 45 o número de vítimas mortais da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés
Por Redacción |
-
Nova concentración sindical para reclamar a dimisión da directiva da xerencia do Complexo Hospitalario
Por Redacción |
-
Sindicatos denuncian o día a día do persoal sanitario: percorrer o hospital coa mesma máscara cirúrxica de 8 a 15
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Convocan unha concentración diante do Hospital Provincial para pedir a dimisión da directiva da área sanitaria
Por Redacción |
-
Os sindicatos, contra a xerencia da área sanitaria: "Se tiveran un mínimo de vergoña, dimitirían"
Por Redacción |