Ana Pastor, do PP, critica a lei Celaá no encontro con representantes de colexios concertados e especiais de Pontevedra
Por Redacción
Ana Pastor, vicesecretaria de Política Social do Partido Popular e os deputados nacionais e a senadora do PP de Pontevedra, María Ramallo, Javier Bas e Pilar Rojo, mantiñan un encontro con representantes da educación concertada e especial do municipio. Os populares querían mostrarlles a súa posición ante a Lei Celaá para sinalar que defenden a liberdade de nais e pais para escoller o centro de ensino que prefiran para os seus fillos.
Desde o PP afirman que "a liberdade non é un privilexio, é un dereito e os pais teñen dereito a elixir a educación dos seus fillos, sen que outros decidan por eles". No encontro, os representantes do Partido Popular mostaron o seu malestar porque o Goberno de Pedro Sánchez aprobase esta semana, pola mínima, unha lei educativa que ignora ás comunidades autónomas. Ana Pastor sinala que non se acordou cos distintos territorios do Estado o modelo establecido.
A representante popular denuncia que se aprobou unha reforma educativa de costas á comunidade educativa e sen consenso dos partidos. Afirma que se trata dunha lei "retrógrada" ao entender que rebaixa a liberdade dos pais e pretende impoñer un único tipo de ensino, sen permitir que as familias máis humildes escollan a que colexio queren enviar aos seus fillos.
Alertan de que a lei outorga ás administracións a capacidade de escolarizar menores en centros contra a vontade dos seus pais baixo a escusa do equilibrio. Tamén sinalan que reduce a calidade educativa, a equidade e a igualdade de oportunidades e pretende "crear unha confrontación no ámbito da lingua, un problema que en Galicia non existe".
O Partido Popular ha presentado 156 emendas a esta lei entre as que destaca que o español sexa lingua vehicular en toda España para permitir que onde haxa linguas cooficiais poidan producirse trilingüismo (inglés, español e galego, no caso de Galicia), ademais piden unha EBAU pública igual para toda España e a gratuidade do ensino para menores de 0 a 3 anos, entre outras reclamacións.