Campaña "informativa" de CC.OO. para denunciar a xestión do persoal por parte da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O sindicato Comisións Obreiras iniciará unha "campaña informativa" para denunciar a xestión dos traballadores da Deputación de Pontevedra por parte do Goberno provincial presidido por Carmela Silva.
Nunha rolda de prensa celebrada este martes, o secretario xeral de Comisións Obreiras na comarca de Pontevedra, José Ramón Piñeiro asegurou que "desde a chegada deste Goberno" está a tentarse "suprimir dereitos dos traballadores" de maneira progresiva.
Piñeiro dixo que o alcalde de Vigo, "o señor Abel Caballero pretende impoñer na Deputación de Pontevedra o pensamento único" e que todos os traballadores da administración provincial estean "caladiños", de aí o disfrace co que esta mañá compareceron en rolda de prensa os delegados sindicais de Comisións Obreiras na Deputación, unha careta coa boca tapada.
"O señor Caballero considera ao Concello de Vigo a súa casa e á Deputación unha sucursal" aseverou José Ramón Piñeiro.
Segundo o secretario comarcal de CC. OO. a Deputación de Pontevedra está "a amortizar" as prazas dos xefes de servizo "para no seu lugar contratar a cargos directivos" co propósito de que "se faga exactamente o que queren". Este sindicalista sinalou que a raíz do problema é que "os funcionarios públicos non atenden a ningunha cor política no seu traballo" e aquí "quérese impoñer o ordeno e mando".
Piñeiro destacou que os acordos reguladores para o persoal funcionario e os convenios colectivos para o persoal laboral "conseguíronse a base de moita loita, esforzo e moitas horas de negociación" e agora "o señor Caballero e a señora presidenta queren que sexan papel mollado".
Comisións Obreiras tamén denunciou que na Deputación "está a crearse unha administración paralela" e citan como exemplo a situación existente no Gabinete da Presidencia onde "só hai persoal de confianza e é unha especie de búnker ao que non se pode chegar, xerando un incremento importante do gasto", afirma Piñeiro.
Outra das denuncias do secretario comarcal de CC. OO. refírese a que o Goberno provincial abriu a provisión de postos de traballo a funcionarios doutras administracións e tamén "estamos en contra" do novo programa para actualizar os procesos de selección de persoal, denominado ‘trOPOS’ e que, segundo Piñeiro, está deseñado "para contratar a un colectivo de traballadores para que se sigan de forma estrita as directrices políticas emanadas polo señor Caballero e o vicepresidente da Deputación", o nacionalista César Mosquera.
"AL CAPONE"
Nesta mesma rolda de prensa, o secretario de organización de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa informou que a Executiva deste sindicato diante das declaracións do deputado de Economía e Réxime Interior, Carlos López Font "queremos manifestar total apoio e solidariedade co secretario xeral de CC. OO. diante das calumnias vertidas polo responsable de persoal da Deputación".
"Non imos aceptar que estas infamias queden sen resposta" dixo García Pedrosa.
"Pepe Piñeiro é unha persoa cunha traxectoria intachable na Deputación de Pontevedra, á parte é unha persoa represaliada pola súa actividade sindical", engadiu.
Pedrosa advertiu que as palabras de Font "o novo AL Capone" non cambiarán a estratexia sindical de Comisións Obreiras "imos continuar pese a quen pese", dixo, "non nos moveremos nin un ápice dos nosos posicionamentos".
"Abel Caballero é unha persoa que di que a el ou se lle respecta ou se lle teme, pois nós nin lle tememos nin respectamos en absoluto estas prácticas antidemocráticas", engadiu García Pedrosa. "Se hai alguén que ten trapos sucios son estes novos ricos que se apoderaron do PSOE e que borraron a ‘O’ de obreiro das súas siglas" afirmou o secretario de organización de CC.OO sobre o "populismo socialista que tratan de poñer en práctica" e que, ao seu xuízo, "non ten nada que ver cos posicionamentos da esquerda".
Relacionadas:
-
Esixen a Font que se desculpe co representante de CC.OO. na Deputación ou que "faga públicos os listados dos que fala"
Por Oskar Viéitez |
-
Novo "numerito" no pleno da Deputación en que se aprobaron os orzamentos para 2021 co PP abandonando a sala
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O goberno da Deputación ameaza con sacar os trapos sucios do secretario comarcal de CC.OO. tras montar unha nova protesta
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |