César Poza, tras días hospitalizado por covid-19: “Por moitas medidas que se tomen, se non somos responsables, non van ter éxito”
Por Natalia Puga
A covid-19 golpeou forte a César Poza. O alcalde de Vilaboa leva máis de dúas semanas coa enfermidade e, nos primeiros días, tivo síntomas moi leves, apenas uns graos de temperatura alta e dor de cabeza, pero co paso das xornadas, todo se complicou.
Chegou a dor de peito, volveu a febre e aumentou o malestar, de maneira que o comunicou aos sanitarios e acabou no hospital con principio de pneumonía. A hospitalización durou cinco días e desde mediados desta semana xa está na casa, pero continúa de baixa médica e en illamento.
O seu caso é un de moitos e, consciente diso, fai un chamamento á responsabilidade colectiva da cidadanía e das administracións. César Poza xa antes de que lle tocara a el era consciente dos riscos desta enfermidade e da necesidade de adoptar medidas. Pasar pola dura situación da que está xa a piques de recuperarse non lle cambiou a visión, pero si lle confire ese plus de experiencia para analizala con perspectiva.
No seu caso, en canto lle comunicaron o positivo, xa pensou de xeito inmediato na súa familia, no seu avó de 97 anos que podía contaxiarse e en toda a súa contorna. Por fortuna, tan só deu positivo unha persoa, un compañeiro da Corporación. Tampouco é consciente onde puido contaxiarse el e iso fíxoo reflexionar sobre a transmisión comunitaria e a importancia de extremar todas as precaucións e tamén de poñerse en contacto cos servizos médicos en canto se detectan os primeiros síntomas ou se teñen sospeitas, pois "podemos ser positivos sen ser conscientes e estar propagando o virus".
Agora xa está moito máis recuperado, aínda que segue con fatiga e defensas baixas. En todo caso, o vindeiro luns César Poza xa prevé poder retomar a súa presenza "a pé de rúa". En todo caso, estar confinando non lle impediu seguir exercendo as súas funcións como alcalde. "En ningún momento deixei de atender as miñas obrigas, as novas tecnoloxías permiten iso", explica.
Durante os cinco días que estivo hospitalizado os seus compañeiros suplírono en determinadas cuestións nas que se facía precisa maior presenza, demostrando que "somos un equipo" e espertando todo o seu agradecemento, pero mesmo desde o hospital estivo ao día e traballando co seu teléfono móbil sempre activado.
O teletraballo permitiulle seguir a exercer o seu posto de traballo, pero César Poza é consciente de que non toda a poboación ten esta oportunidade. Comparte a percepción de que o teletraballo chegou para quedar e, para poder facelo posible en condicións óptimas, insiste en que tanto as compañías telefónicas como as administracións deben apostar pola implantación da tecnoloxía 5G, pois "¿que sentido ten falar de teletraballo cunha conexión de hai 20 anos?".
Ademais dos cambios tecnolóxicos, ve precisos máis cambios e un deles ten que ver coas propias administracións, pois "dicir que se están facendo as cousas ben sería meter ou vivir nunha realidade paralela".
Como exemplo, di que na área de Pontevedra están a tomarse medidas e restricións que "non están sendo efectivas" e tamén que as administracións que obrigan ao peche de negocios e hostalaría terían que apoiar esas medidas con outras de apoio económico para que os que teñen que pechar por unha cuestión de saúde pública "sufran o impacto mínimo posible".
Tamén na sanidade hai que cambiar moito, pois "fan falta reforzos de atención primaria", na que "hai moito déficit". En Vilaboa hai meses que non teñen pediatra e toda a poboación de Soutomaior e Vilaboa está a ter un pediatra dous días á semana.
A última pata que necesariamente ten que cambiar é a sociedade, pois cre que "é importantísimo que a xente tome conciencia de que isto non é unha broma" e traslada á cidadanía que "por moitas medidas que se tomen, se non somos responsables, non van ter éxito". Distancia social, máscara de protección, limpeza de mans e cumprir todos os protocolos son cruciais e César Poza lembra que "todo empeza en cada un de nós".