A Xunta salienta o avance nas negociacións co Concello de Pontevedra para reforzar o servizo de transporte público
Por Oskar Viéitez
A Xunta salientou o avance nas negociacións co Concello de Pontevedra para reforzar o servizo de transporte público no municipio e a ampliación de bonificacións nas tarifas para os veciños.
O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo este venres un encontro de traballo co concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, no que avaliaron o procedemento para compartir a xestión das liñas de transporte público internas no termo municipal, liñas de carácter interurbano que prestan servizos de transporte urbano.
Para isto, implantarase un servizo de interese local no que o Concello de Pontevedra asumirá a parte proporcional do déficit de explotación desas liñas, que suporá unha achega duns 120.000 euros anuais.
Na reunión tamén se abordou a posta en marcha dun esquema de bonificacións máis beneficiosas para os usuarios, para abaratar os billetes, como xa veñen facendo todos os concellos que están integrados nas áreas de Transporte Metropolitano.
Neste caso, o Concello de Pontevedra asumiría os citados descontos, cun investimento 145.000 euros ao ano, mentres que o Goberno galego, pola súa banda, continuaría financiando a totalidade da tarxeta Xente Nova co que os menores de 21 anos viaxan de balde nas liñas de autobús da Xunta.
Relacionadas:
-
Pontevedra estreará na primavera dúas liñas circulares de transporte urbano
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño |
-
1.850 menores de 21 anos da cidade de Pontevedra viaxan de balde no autobús interurbano
Por Redacción |
-
Pontevedra-Marín e Pontevedra-Sanxenxo, as viaxes en autobús máis demandadas polos menores coa tarxeta ‘Xente Nova’
Por Redacción |