A Deputación de Pontevedra lanza a campaña para fomentar os xoguetes non sexistas porque os xogos cambian o mundo
Por Redacción
Por sexto ano consecutivo, a Deputación de Pontevedra lanza a campaña do xogo non sexista para as festas do Nadal. Nesta ocasión o lema é "Xogando aprendemos a vivir. O xogo é unha ferramenta para mudar o mundo" coa intención de que as persoas adquiran e fomenten o uso de xoguetes e xogos non sexistas e non violentos.
Desde a sede da Deputación Provincial en Vigo, Carmela Silva presentaba a campaña indicando que a imaxe dunha nena construíndo con pezas de madeira, outra lendo e un neno dando para comer a un oso de peluche simboliza o que se pretende con esta iniciativa que nesta ocasión quere centrarse no aspecto relacionado cos coidados. A máxima dirixente provincial alertou de que durante a etapa de confinamento nas casas o 75% dos coidados a menores, persoas maiores ou dependentes era realizado por mulleres que, ao mesmo tempo, realizaban outros traballos malia que os homes tamén se atopaban nas vivendas.
Silva explicou que esas decisións márquense desde a infancia cando aos nenos regálaselles superheroes ou ferramentas de construción mentres que ás nenas se lles dan agasallos relacionados con labores de coidado: cociñas, fregonas ou material de enfermería. Por este motivo, a campaña busca que tanto as nenas como os nenos xoguen con todo tipo de materiais e que xoguen tamén a coidar.
A campaña foi elaborada con conceptos e expresións da escritora Isabel Blanco, ademais dun vídeo realizado por Regala Música, coa proposta de cambiar o modelo actual a través dunha iniciativa "dinámica, atrevida e fermosa", afirmaba a presidenta provincial.
Os carteis desta acción serán repartidos por municipios de toda a provincia para que se trasladen aos comercios locais e sexan vistos pola clientela. Ademais, o vídeo proxectarase nas pantallas dos autobuses Vitrasa en Vigo e realizaranse publicacións en medios de comunicación en liña e offline, anunciou Carmela Silva lembrando ás familias que "temos unha responsabilidade social e comeza pola elección dos xoguetes dos seus fillos e fillas".
Durante a presentación lembrouse que os menores adquiren por igual unha aprendizaxe que reproducirán na súa vida adulta, xeneralizando e asentando na sociedade a igualdade de xénero naqueles labores que aprendesen de pequenos como as tarefas do fogar ou os coidados.