Nin cociñas para as nenas nin ferramentas para os nenos, #regalaigualdade
Por Natalia Puga
Cando eliximos xoguetes estamos a elixir algo moi importante. A decisión pode marcar a diferenza entre apostar pola igualdade ente mulleres e homes desde a infancia ou reproducir roles e estereotipos de desigualdade que se perpetuar ao chegar á idade adulta. Partindo desta premisa, a Deputación Provincial de Pontevedra pon en marcha este decembro, por terceiro ano consecutivo, unha campaña en favor dos xogos e xoguetes non sexistas e non violentos.
A campaña 2017 baséase nun spot publicitario realizado con medios propios da Deputación e que se difundirá a través das canles de comunicación da institución e en medios de comunicación de toda España. Leva por lema "Se non xoga non é un xogo. #RegalaIgualdade".
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou este venres a campaña e anunciou que se está a deseñar un catálogo de actividades para dar continuidade a esta mensaxe ao longo de todo o ano.
A campaña busca rachar cos estereotipos de xénero dirixíndose directamente ás nenas e aos nenos e preguntándolles que queren ser de maiores. Para normalizar que mulleres e homes poden exercer os mesmos oficios e profesións e non só os considerados tradicionalmente masculinos ou femininos, amósanlles imaxes dunha alcaldesa, un enfermeiro, unha canteira, un azafato, unha bombeira, un bailarín ou unha astronauta.
Despois de visionar o vídeo, Carmela Silva explicou que pretende trasladar que "o único que marca a diferenza é algo que non existe en realidade, que é só froito dos prexuízos", pero que a sociedade adulta asimila determinados roles e estereotipos porque nenas e nenos son educados para facer diferentes actividades, unha acción na que xogan un papel importante os xoguetes.
A presidenta provincial confesa que se "enfada moitísimo" cada vez que entra nunha tenda de xoguetes e ve zonas diferenciadas para nenas e nenos. Cada vez que se lle traslada a unha nena que debe xogar con cociñas e a un neno que se vista de bombeiro ou compre ferramentas, estase estereotipando e, ademais, o spot amosa que esa nena se vai facendo máis pequenas e desaparecendo, "sendo comida por todos eses xoguetes que a estereotipan".
"Pedímoslle á sociedade pontevedresa que regale igualdade, o mellor que se lle pode facer a un rapaz ou a unha rapaza", trasladó Carmela Silva, que insiste en que hai que respectar os gustos independentemente do xénero e do que está arraigado na sociedade, pois a través dos xoguetes non só se divirten, senón que "imaxinan o seu futuro".
"Se poñemos ás nenas rodeadas de cociñas e aos nenos bicicletas, traxes de bombeiros ou arquitectos dirixímoslles cara a onde teñen que dirixir a súa actividade cando sexan adultas e adultos", denuncia, moi crítica cos estereotipos sexistas que se transmiten desde a publicidade e a sociedade.
Relacionadas:
-
A Deputación de Pontevedra lanza a campaña para fomentar os xoguetes non sexistas porque os xogos cambian o mundo
Por Redacción |
-
A Deputación aproba o seu primeiro Plan de Igualdade, que elimina toda discriminación contra as mulleres
Por Natalia Puga |
-
'Comecocos' para fomentar os xoguetes non sexistas
Por Natalia Puga |
-
Recomendacións para regalar xogos e xoguetes "para unha sociedade igualitaria"
Por Redacción |