O Grove reforza o coidado das árbores da Toxa ante os temporais
Por Redacción
Pola illa da Toxa comezaron os traballos que están a realizar os membros do servizo de emerxencias municipal do Grove para revisar o estado das árbores da localidade.
O obxectivo é darlle os coidados necesarios ante os previsibles temporais do inverno.
Así, na Toxa localizáronse piñeiros en mal estado preto da estrada, que poderían supoñer un risco pola súa caída.
Retiráronse árbores mortas no acceso ao Monte Central, na subida aos campos de tiro ao pombiño, no lateral da zona pechada dos burros e no piñeiral de acceso ao marisqueo da illa, sendo numerosas as árbores en cada unha desas zonas.
Os traballos poderanse estender a outras áreas da localidade no caso de ser preciso.