Benestar Social de Caldas pide a participación cidadá na campaña solidaria de recollida alimentos
Por Redacción
A campaña solidaria de recollida de alimentos polo Nadal que desenvolve a concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Caldas de Reis xa se atopa en marcha.
Ata o 15 de decembro aquelas persoas que queiran participar deberán doar alimentos para que sexan cedidos ao Banco de Alimentos Cáritas Parroquial de Caldas. As provisións que se recollan durante este período serán repartidas entre as familias do municipio que se atopan nunha situación desfavorecida.
Os alimentos poden entregarse en todos os centros de ensino do municipio; as aulas do CRA; o instituto; a escola infantil Trebellos; a biblioteca; o centro ocupacional O Saiar; a Escola de Música; o Fogar do Maior, a Praza de Abastos e o propio edificio do Concello.
O requisito que se pide é que se entreguen alimentos non perecedoiros como o azucre, aceite, fariña, pasta, legumes ou conservas. Desde Benestar Social fan un chamamento á solidariedade e piden a toda a cidadanía que participe nesta campaña ao tratarse dun ano moi complicado debido á crise económica xerada pola pandemia.