Desarticulan un punto negro de venda de droga na contorna da Praza de Touros
Por Oskar Viéitez
"Operación Paralela" é o nome dunha actuación conxunta realizada polos axentes da Policía Nacional e Policía Local que permitiu a desarticulación dun punto negro de venda de droga na contorna da Praza de Touros.
No marco deste operativo detivéronse a dous veciños de Pontevedra por un delito de tráfico de drogas.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría da Policía Nacional, a investigación arrincou por mor dunhas informacións recibidas polos axentes, intervindo o Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes e o Grupo SAI da Policía Local de Pontevedra.
Durante os meses de investigación establecéronse diversos dispositivos de vixilancia e seguimento no lugar, que constataron como efectivamente se producía unha gran afluencia de mozos pola zona, levando a cabo contactos breves e sen motivo aparente, característicos da modalidade delincuencial do tráfico de drogas polo miúdo.
Segundo foi avanzando a investigación, comprobouse como estes mozos a parte das vendas realizadas na zona da praza de touros, tamén se desprazaban a diversos puntos da cidade, onde tras previa cita telefónica contactaba con terceiras persoas ás cales lles fornecía substancias estupefacientes previo pago de diñeiro en metálico.
Tras diversas incautacións de haxix e marihuana, e tras corroborar o trapicheo destas drogas procederon á detención de dous rapaces duns vinte anos, veciños de Pontevedra, como presuntos autores dun delito de tráfico de drogas e un terceiro investigado non detido.
Posteriormente e previa autorización xudicial levaron a cabo a entrada e rexistro no domicilio dos investigados que deu como resultado a incautación de 4.418 euros, un quilo de haxix, 2,4 quilos de marihuana, 16,18 gramos de MDMA, tres móbiles, un IPAD, unha envasadora ao baleiro, catro básculas de precisión así como diversos útiles para a manipulación de substáncialas estupefacientes.
Unha vez finalizadas as dilixencias policiais, os detidos foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución competente.