Bueu trasladará á Xunta o problema dos cabalos salvaxes en Ermelo
Por Redacción
O Concello de Bueu esixirá á Xunta de Galicia unha solución para a problemática dos cabalos soltos que están aparecendo no lugar de Ermelo. Responsables do grupo de goberno mantiveron este venres un encontro coa veciñanza para coñecer esta situación que se repite dende hai varios anos. Trala reunión, acordouse remitir proximamente ás Consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural un escrito para que se poida solucionar este problema.
O escrito exporá a preocupación que sente a propia veciñanza do lugar ante os cabalos salvaxes procedentes dos montes que baixan á aldea e dos que xa se ten constatado máis dunha vintena. Estes cabalos causan desfeitas nas propiedades privadas, derruban os peches das fincas, deterioran as colleitas e supoñen un perigo en caso de accidentes de circulación. Ante isto, dous veciños da zona, Ángel Carracelas e Manuel Barreiro, dirixíronse ao Concello para reivindicar que se traslade este escrito á Xunta e achegaron máis de vinte e cinco sinaturas das persoas residentes en Ermelo.
Ángel Carracelas, un dos impulsores desta loita, lamentábase de que "hai 15 días apareceu aquí unha manda duns quince cabalos, e cando chamamos ao 012 para avisar, case nos vacilaron". A veciñanza considera que debería ser o servizo do Seprona o que dese solución a este problema que arrastran dende hai anos e que tanto dano fai ás colleitas e propiedades das persoas alí residentes.
Por iso, dende o Concello ofreceuse a oportunidade de enviar un escrito coas sinaturas de apoio e fotografías, no que se reclamará unha solución inmediata por parte da Xunta de Galicia, tal e como apuntaba Félix Juncal, alcalde de Bueu, durante a reunión que tivo este venres ao mediodía coa veciñanza do lugar, e na que tamén estiveron presentes Xosé Leal, concelleiro de cultura e medio ambiente, Ricardo Verde, encargado da área de deportes e sanidade, e Alberto Moital, responsable de patrimonio, bibliotecas e arquivo.