Unha varanda ofrecerá máis seguridade á zona do paseo da Rúa Río Bermaña
Por Redacción
Cun investimento total de 21.042 está previsto que se desenvolva o proxecto de reforma da varanda do tramo do paseo da Rúa Río Bermaña en Caldas de Reis. Esta obra contará cunha achega de 16.699 euros que proceden da Deputación de Pontevedra dentro do remanente doutros proxectos do Plan Concellos 2018-19.
Esta actuación atópase dentro do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Caldas de Reis. Segundo o goberno local, permitirá dotar de máis seguridade á zona de paseo, ademais de mellorar a posta en valor dos cursos fluviais que atravesan o centro urbano do municipio.
A anterior varanda foi retirada polo mal estado en que se atopaba. Será substituída por outra de material metálico de tipo transparente coa intención de que os paseantes poidan comprobar as vistas do río nesta zona.
Manuel González, concelleiro de Medio ambiente, afirmaba que o proxecto xa conta con informes favorables por parte da Dirección Xeral de Patrimonio e de Augas de Galicia. Segundo o representante local, a zona xa conta cun saneamento renovado e agora está previsto acometer en toda a Rúa Río Bermaña un plan integral de humanización e calidade ambiental que permita recuperar o espazo e ofrecer un lugar para uso e goce da cidadanía.