Carmela Silva e Fernández Lores repasan os cinco anos de "colaboración e lealdade" entre a Deputación e o Concello
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron este xoves o convenio polo que a institución provincial achegará os 1.621.644 euros en que está valorada a construcción dun campo de fútbol e as instalacións de lecer vencellados ao goce dos montes de Salcedo.
Fernández Lores sinalou que esta é unha actuación que transcende do eido deportivo e entraña tamén unha "aposta decidida" pola recuperación de espazos forestais degradados e a promoción do lecer e os usos sustentables do monte.
Pola súa banda a presidenta, Carmela Silva, puxo en valor os preto de 14 millóns de euros achegados ao Concello de Pontevedra dende o ano 2015, sinalando que "investir nesta cidade é investir na provincia, porque moitas persoas de tódolos concellos, e particularmente as da comarca, gozan e sérvense destas obras".
Segundo repasou Carmela Silva, con eses cartos se fixeron "actuacións moi relevantes" como a construción dos campos de fútbol das parroquias de Cerponzóns, Santa María de Xeve, Campañó e Ponte Sampaio antes de comprometerse co de Salcedo. A maiores a Deputación financiou grandes eventos deportivos como o MultiSport Thriatlon 2019, o Mundial de Balonmán Junior 2019 ou o Campionato de Europa de Piragüismo Maratón 2016.
Neste senso felicitou ao alcalde por posicionar á cidade neste "mercado" e comentou que entre as "liñas tractoras" dos Fondos de Resiliencia e Recuperación Europeos inclúense os grandes eventos deportivos.
No eido das infraestruturas viarias e equipamentos, a presidenta aludiu ao financiamento provincial das obras da Ronda Leste, o novo acceso a Monte Porreiro (en execución), o novo Centro Social dos Campos (en execución), a mellora de estradas municipais, a instalación de iluminación ornamental nas pontes ou as reformas realizadas no local que acolle os servizos técnicos municipais na rúa Ferreiros ou as que actualmente están en execución na sede municipal de Michelena, 30.
A presidenta debullou tamén as obras de saneamento en Mourente, Bora e o río dos Gafos (en execución actualmente) ou o financiamento de moitas actividades socioculturais.
Finalmente, Fernández Lores enxalzou a "inestimable colaboración e a lealdade da Deputación", que permite ao Goberno local "sacar adiante obras que, por si mesmo, o Concello de Pontevedra tardaría máis en executar".
Relacionadas:
-
Unha UTE galega construirá o campo de fútbol de Salcedo por 1,48 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación aproba o convenio para financiar o campo de fútbol de Salcedo con preto de 1,7 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello recepciona os terreos cedidos para construír o campo de fútbol de Salcedo
Por Redacción |
-
Tino Fernández solicita a sinatura dun convenio de colaboración coa Deputación para financiar o campo de fútbol de Salcedo
Por Redacción |
-
Piden autorizacións a Defensa para retomar o proxecto do novo campo de fútbol de Salcedo
Por Redacción |