O Concello, pendente de Costas para iniciar o novo vial de Mollavao en 2021
Por Alejandro Espiño
A complexa tramitación administrativa para a construción do novo vial de Mollavao, que unirá a rúa Rosalía de Castro coa Avenida de Marín -no ámbito da parcela onde se instalan os circos-, segue dando os seus pasos.
O goberno municipal aprobou este luns o borrador do convenio que se asinará coa Deputación de Pontevedra, que será quen financie os 938.824 euros que custará a súa construción. O Concello licitará a obra, que terá un prazo de execución de nove meses.
Para 2021, este convenio xa reserva case 265.000 euros. O Concello confía en poder iniciar a obra o próximo ano, pero iso dependerá de Costas.
O organismo estatal debe ceder os terreos para abrir este novo vial e, aínda que as xestións están moi avanzadas, aínda non están pechadas. Ademais, tamén falta por chegar un permiso de ADIF, obrigatorio ao pasar polas inmediacións a liña ferroviaria cara ao porto de Marín.
Cando se completen as obras, o Concello será o titular deste vial. Poderá así, segundo a portavoz municipal Anabel Gulías, darlle un tratamento de travesía urbana.
O obxectivo desta nova estrada é poder desviar por ela todo o tráfico pesado e sacalo do tramo urbano, permeabilizando ao mesmo tempo o acceso oeste á cidade.
Con este novo vial, o goberno municipal poderá acometer a que, segundo Gulías, será unha das obras "máis ambiciosas" deste mandato, a reforma urbana da rúa Rosalía de Castro e de todo o barrio de Mollavao.
CESIÓN Á XUNTA DA PARCELA EN 12 DE NOVEMBRO
Ademais, a Xunta de Goberno celebrada este luns acordou ceder á Xunta de Galicia unha parcela na rúa 12 de Novembro para construír a residencia da terceira idade prevista inicialmente na Parda, nos terreos do aparcamento disuasorio de Juan Carlos I.
Esta cesión é gratuíta e permitirá ao goberno galego licitar xa a construción deste novo equipamento sociosanitario, que ocupará unha parcela de 5.111 metros cadrados.
Ao mesmo tempo, a Xunta de Galicia deberá iniciar os trámites para reverter a titularidade dos terreos de Juan Carlos I ao Concello, que manterá o seu uso como aparcamento.