Empezan as obras para mellorar a seguridade viaria nun punto conflitivo de Juan Carlos I
Por Natalia Puga
Un dos últimos atropelos importantes rexistrados en Pontevedra tivo lugar na rúa Juan Carlos I. Nunha tarde de choiva e pouca visibilidade de novembro de 2019 dous menores resultaron feridos nun paso de peóns desta vía. Desde fai un par de días, o Concello traballa para que non se volvan a dar as circunstancias para un accidente similar e puxo en marcha unha serie de obras para mellorar a seguridade viaria nesta zona.
O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, deu a coñecer este martes que, tras aquel atropelo, revisaron a rúa e atoparon "algún defecto que era importante corrixir", puntos conflitivos sobre os que había que actuar. En xeral, a rúa cumpre estándares altos de seguridade viaria, pero, pensando en que é unha zona con elevado tráfico peonil dos escolares do colexio Sagrado Corazón, do conservatorio Manuel Quiroga e do centro de saúde da Parda, decidiron facer unha nova actuación.
A actuación municipal que empezou esta semana supón mellorar a acometida de catro pasos de peóns, nos que se están facendo orellas, e recolocar farois para darlle maior visibilidade. Aquel accidente de hai un ano produciuse, segundo declarou no seu día o condutor do vehículo, pola falta de visibilidade no paso de peóns, por iso é polo que se decidiu actuar sobre a iluminación
Ademais, vai alongar a beirarrúa diante do acceso ao colexio Sagrado Corazón desde Juan Carlos I. Para facelo, eliminaranse tres prazas de aparcamentos.
Demetrio Gómez deu a coñecer estas obras este martes tras a reunión da Comisión de Mobilidade e tamén aproveitou para dar a coñecer outra obra relacionada coa mellora da mobilidade que empezarán de forma inminente, en canto terminen os trámites administrativos. Consiste na construción dun acceso peonil ao aparcamento do instituto Gonzalo Torrente Ballester.
Segundo explicou o concelleiro, é creará un acceso por unhas escaleiras desde a rúa Urbano Lugrís e, de paso, realizaranse obras para urbanizar un anaco deste barrio pontevedrés.
Entre as obras que están xa ao virar a esquina do departamento de Mobilidade tamén figura unha na rúa Médico Ballina. Alí xa encara a recta final a obra de mellora da vía e, para redondear o proxecto, encargaron á empresa Setga o deseño duns elementos para fai máis accesibles unha serie de bancos.
Segundo explicou, os bancos creáronse no seu día sen ter en conta estes requisitos de accesibilidade e agora adaptaranse colocand o sobre o formigón unhas pezas de madeira para dotalos de respaldo e posabrazos.