O ARI de Marín desde 2012 acadou investimentos en axudas por valor de case 4 millóns de euros en rehabilitación urbanística
Por Redacción
Tres millóns de euros privados e un millón das arcas públicas investíronse desde que a Oficina do ARI entrou en funcionamento en Marín para rehabilitar e urbanizar o centro urbano da vila. Son datos do departamento que dirixe Ivana Conte, que esta semana se reunía co concelleiro de Urbanismo e Facenda Manuel Santos. Durante o encontro analizábanse as actuacións levadas a cabo durante esta última tempada.
Neste encontro tíñase en conta que a partir do 2 de xaneiro e ata o mes de xullo de 2021, aquelas persoas interesadas en rehabilitar enerxeticamente os edificios e vivendas poden solicitar as axudas que tanto o Concello como a Xunta sacarán o próximo ano.
Desde o ano 2019 ata o de agora xa se executou case o 50% das obras que se presentaron á convocatoria de axudas correspondentes ao Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. Isto supón un investimento no último ano de 273.000 euros en obras en edificios de uso residencial. A metade dese importe finánciase a través do plan estatal.
A oficina do ARI márcase como obxectivo para os dous próximos anos a execución do 50% restante das obras que entraban nesa convocatoria, chegando a un teito de investimento privado de 600.000 euros fixado desde o inicio. En canto a investimento público está previsto que se conte cunha axuda de 100.000 euros para as obras de urbanización de iniciativa municipal.
A semana pasada, por outra banda, o BOE publicaba un real decreto que permite a prórroga das vixencias dalgunhas fases de actuación que tiñan que finalizar o 31 de decembro deste ano. Con este cambio, segundo Ivana Conte, o Concello pode publicar unha nova convocatoria en 2021 cos remanentes que quedaron dalgunhas fases. Con esta posibilidade atenderíase a demanda rexistrada na oficina ARI. A responsable deste servición proxecta que en 2022 conte cunha axuda para obras de rehabilitación de preto de 300.000 euros.
O investimento privado no ámbito do AIR desde 2012 ata o de agora é de 1.356.110 euros en 279 vivendas, con achega pública de 551.483 euros. O concelleiro Manuel Santos considera esta cifra como un moi bo balance.
A previsión para o vindeiro ano é lograr as 400 vivendas en total, logrando un investimento xeral de 1.856.110 euros no ámbito do ARI.
Fóra do réxime do ARI no últimos tres anos, a Oficina en coordinación con particulares e as xestorías das comunidades de propietarios lograban axudas públicas por máis de 500.000 euros, cun investimento privado total de 1.500.000 euros desde 2018 ata o ano actual.
As principais melloras realízanse en actuacións de eficiencia enerxética na envolvente exterior dos edificios, mellora de accesibilidade tanto en elementos comúns dos inmobles como nos interiores das vivendas e tamén actuacións de conservación e mantemento dirixidas a solucionar problemas de seguridade e estanqueidade.
Aquelas persoas que precisen máis información sobre a rehabilitación da vivenda poden solicitala na Oficina ARI atópase na rúa Méndez Núñez, 51 (entreplanta), local 9, ou nos contactos 986.890.488 ou no mail ari@concellodemarin.es