Pontevedra ten unha débeda de 94 euros por habitante
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra ten unha débeda de 94 euros por habitante. O dato foi facilitado polo concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González que informou que, a día de hoxe, a débeda municipal é de 7.940.000 euros ao peche do exercicio.
Ao longo deste ano, o diñeiro que o Concello debe aos bancos reduciuse dos 12,2 millóns de euros que se debían en novembro de 2019.
Nunha comisión extraordinaria de Economía e Facenda, o goberno de Pontevedra entregou este luns o anteproxecto do orzamento de 2021 ao grupo municipal do Partido Popular. O concelleiro non adscrito Goyo Revenga non asistiu, aínda que se lle deixou a documentación dispoñible para que a recolla cando poida.
Segundo explicou Raimundo González, tamén este luns se reuniu a mesa de negociación para que coñeza o documento e ditame as cuestións relativas a persoal.
Paralelamente estanse redactando as bases de execución, a memoria da alcaldía, o plan estratéxico de subvencións e os correspondentes informes de contabilidade e intervención, co obxectivo de contar co expediente concluso a vindeira semana. Deste xeito, iniciaríase a tramitación estritamente administrativa coa previsión de poder levar o orzamento a pleno antes de mediados de xaneiro.
Raimundo González lembrou que, nesta primeira fase (xa que a segunda sería no mes de abril coa liquidación das contas do 2020), o orzamento para 2021 ascende a 80.734.300 euros.
Nun resumo xeral, indicou que "os ingresos suben ou ben por maiores transferencias do Estado ou ben por Fondos Edusi ou ben por incremento da actividade económica e como consecuencia das inspeccións" e lembrou que "en ningún caso sube como consecuencia do incremento das taxas ou dos impostos porque están conxeladas por séptimo ano consecutivo".
Salientou como o máis novidoso "un cambio substancial na composición dos gastos corrientes" posto que se inclúen "todas aquelas actuacións de limpeza, control e desinfección para prevención da covid-19".
Neste sentido, asegurou que "é un orzamento que, aparte de ter como obxectivo principal e fundamental a recuperación económica nesta cidade, ao mesmo tempo non nos esquecemos de todos aqueles labores que aos que temos que facer fronte como consecuencia da pandemia".
Así, o capítulo de gastos correntes en bens e servizos increméntase en 3.032.000 euros: A desaparición do organismo autónomo Pazo de Congresos supón que todos os gastos do organismo pasan a integrarse no orzamento do Concello. Este apartado ascende a 1.425.000 euros
Os contratos vinculados á prevención da covi-19d ascenden a 1.104.500 euros e contemplan a limpeza e desinfección de dependencias municipais, desinfeccións de parques e xardíns, desinfeccións dos centros escolares, incremento de limpeza en centros sociais unha vez que se poñan en marcha, EPI e material de limpeza, e controis de acceso ás dependencias municipais.
O novo contrato de limpeza que entra en vigor para mercados, dependencias municipais, instalacións deportivas e culturais, en relación ao actual contrato supón un incremento de 290.000 euros.
Increméntase en 145.000 euros a partida destinada a feiras de saúde, escaparatismo, Ponte Ciencia, entre outros, e increméntase en 135.000 euros o mantemento de espazos públicos, tanto nos viais municipais como en reparacións eléctricas.
Contémplase un incremento de 245.000 en previsión da implantación do imposto de incineración de residuos, que podería entrar en vigor a mediados do vindeiro exercicio segundo a Lei prevista polo Ministerio de Transición Ecolóxica.
Raimundo González explicou que algunhas partidas do capítulo de gastos correntes descenden, polo que o saldo neto entre os incrementos e as baixadas se sitúa nese aumento de 3.032.000 euros.