Os Reis Magos xa visitaron o colexio da Lama
Por Redacción
O Concello da Lama colaborou novamente coa ANPA no reparto de agasallos para o alumnado do CEIP da Lama e patrocinando a actuación dun mago que de xeito itinerante e, de aula en aula, foi facendo unha pequena función para manter a ilusión do Nadal entre os cativos do municipio que teñen que vivir este ano dun xeito diferente as celebracións destas datas.
Os concelleiros Daniel Vidal e David Carrera e o director, Rafael Sánchez-Agustino, acompañaron aos Reis Magos que, en colaboración coa ANPA, fixeron entrega de agasallos a todo o alumnado deste centro educativo.
Os nenos escoitaron o discurso dos Reis e puderon falar con eles desde a distancia e, ao volver as súas aulas, os alumnos atoparon un agasallo para cada un enriba da súa mesa.
Nos vindeiros días os paxes dos Reis percorrerán todos os centros socioculturais do municipio para recoller as cartas para as Súas Maxestades que o vindeiro 5 de xaneiro farán a súa entrada, ás doce do mediodía, nun circuito habilitado na Alameda da Lama mantendo o distanciamento social e a máxima precaución por mor das normativas habilitadas pola pandemia da Covid-19.