Noiteboa e o día de Nadal serán fríos pero non haberá rastro de chuvia
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Pontevedra amenceu este xoves cun ambiente moito máis xélido que os últimos días. Os termómetros caeron ata os 3 graos centígrados, pero polo menos sen choiva. O anticiclón permitiranos pasar Noiteboa e Nadal con bo tempo.
As choivas non regresarán ata o vindeiro domingo, segundo as previsións de Meteogalicia. Ata entón a tónica será a mesma: sol e temperaturas baixas.
Para este xoves, día de Noiteboa, haberá alternancia de ceos con nubes e claros aínda que a tendencia será a que estean despexados. As temperaturas non superarán os 12 graos, máxima que tampouco se pasará os días seguintes.
Tanto para o día de Nadal como para o sábado 26 non se esperan grandes cambios. Haberá sol e frío con temperaturas que, aínda que son normais para este período, subirán lixeiramente ata os 3 ou 4 graos de mínima, como reflicten os mapas de predición meteorolóxica.
Será a circulación de ventos do norte e do nordeste a que faga baixar as temperaturas nestes días festivos, deixando ao seu paso xeadas en gran parte da provincia.