Galiza Nova lembra a Castelao, para quen "calquera homenaxe é pouca", no 71 aniversario da súa morte
Por Redacción
Este xoves 7 de xaneiro cúmprense 71 anos da morte en Buenos Aires de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao e, para lembralo, desde Galiza Nova Pontevedra organizaron unha homenaxe simbólica ante o busto do político e intelectual galeguista instalado na avenida de Santa María.
En nome da agrupación xuvenil falou Xoán Antelo, que destacou que Castelao é "unha figura que enche de orgullo a todas as galegas e galegos" e que para el "calquera homenaxe é pouca".
Os responsables de Galiza Nova mostraron unha pancarta para proclamar que "a loita continúa" e lembraron o paso de Castelao por Pontevedra a través das súas propias palabras: "Non son, pois, un pontevedrés de partida de nascimento, que ás veces esto é entrar pola porta falsa; eu son pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra".
Con estas palabras recordaron o seu "amor e cariño" por Pontevedra e a súa poboación e insistiron en que a cidade o acolleu e nela pasou unha parte moi importante da súa vida. Ademais, lembraron a súa "importante" contribución para o fortalecemento do nacionalismo coa fundación do Partido Galeguista, cuxa sede local estaba moi preto do lugar no que na actualidade sitúase o seu busto.
De Castelao quixeron destacar que velou "pola defensa dos intereses de Galicia e do pobo galego" e que defendeu "ata as últimas consecuencias" o proxecto político encarnado no nacionalismo galego".
Xoán Antelo tamén proclamou que a mocidade nacionalista " émolo presente na nosa acción diaria" e que Castelao " é unha inspiración para todas as mozas e mozos do noso país".