O alcalde de Cuntis alerta sobre a evolución preocupante da pandemia no concello
Por Oskar Viéitez
Os casos de coronavirus están experimentando de novo un incremento en Cuntis. Tras un mes de decembro no que a situación se mantivo estable, nos últimos días estase producindo unha tendencia á alza e o alcalde, Manuel Campos Velai alerta de que o escenario volve ser preocupante.
Segundo os últimos datos publicados polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) este xoves no municipio hay 18 casos activos de covid-19.
Outros concellos da contorna de Cuntis atópanse baixo unha incidencia igualmente importante, o que, segundo o alcalde "fai que debamos extremar aínda máis as precaucións".
"Reverter esta situación é responsabilidade de todos e todas", sinala o rexedor cuntiense que fixo un chamamento aos seus veciños dicindo que "temos que ser capaces, como xa fixemos noutras ocasións, de anticiparnos e conter a cadea de contaxios nestes momentos para evitar a aplicación de medidas moito máis drásticas no futuro, que ninguén quere".
"Véxome na obriga de insistir en que se cumpran as recomendacións decretadas polas autoridades sanitarias (uso correcto da máscara, distanciamento social, reforzo da hixiene de mans, cumprimentos dos aforos e das limitacións de mobilidade, etc.) Frear o virus está nas nosas mans. Debemos ser responsables", incidiu o alcalde de Cuntis.
A Policía Local e a Garda Civil intensificarán a vixilancia nestes días "e non dubidarán en sancionar a aquelas persoas que incumpran as normativas de seguridade en locais, terrazas e espazos públicos", advirte Manuel Campos.
Dende o Goberno Local, en función da evolución epidemiolóxica, determinarán nos próximos días a posta en marcha de medidas especiais de control. "Extremade as precaucións. Hai moito en xogo", insistiu o alcalde.