Un ciclista de 88 anos queda atrapado baixo un camión nun accidente en Vilagarcía
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Efectivos dos Bombeiros de Vilagarcía tiveron que intervir este mediodía para liberar a un ciclista que permanecía atrapado baixo un camión. Segundo a información facilitada polo servizo do 112 Galicia, o condutor da bicicleta, de 88 anos, quedaba debaixo do vehículo de transporte despois de producirse un impacto entre ambos.
O camión que saía do recinto portuario arroiou ao ciclista que se lle achegaba polo ángulo morto, segundo a declaración do condutor.
O home quedou atrapado coa bicicleta nos baixos do trailer que o arrastrou varios metros ata decatarse da situación. Por sorte, o home quedou enganchado sen que ningunha roda lle pasase por riba. Maila isto, o rescate conlevou un complexo operativo, xa que foi preciso excarcerar a maraña de ferros na que quedou convertida a bici e que apresaba ao home que, pese a súa avanza idade e a non levar casco, non chegou a perder a consciencia.
A vítima é un veciño de Vilaxoán que responde ás iniciais J.L.C.V. O condutor do camión deu negativo nas probas de alcohol e drogas.
O accidente producíase ao redor das 12.30 horas deste venres 8 na entrada ao peirao de Vilagarcía na rúa Pablo Picasso. Unha persoa particular contactaba co servizo de emerxencias do 112 Galicia para solicitar axuda urxente para o ciclista.
Desde o servizo de emerxencias poñíanse en contacto con Urxencias Sanitarias de Galicia 061, cos bombeiros de Vilagarcía, co Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil do Concello.
Os equipos de intervención cando chegaron ao lugar trataron de levantar o camión para acceder ao ferido e facilitar a atención por parte do persoal sanitario. O home, unha vez liberado, foi trasladado ao Hospital do Salnés.
Axentes da Policía Local de Vilagarcía tamén eran alertados para garantir a seguridade da circulación nun punto no que se rexistra unha numerosa circulación de vehículos.