O Concello aluga unha carpa para protexer da choiva aos usuarios do centro de saúde de Vilaboa
Por Redacción
O Concello de Vilaboa instalou unha carpa de 40 metros cadrados ás portas do centro de saúde para facilitar aos usuarios unha mínima protección ante a chuvia ao ter que prolongarse as esperas no exterior debido ao protocolo derivado da Covid-19.
Tendo en conta que a idade media dos usuarios que se achegan diariamente ao centro de saúde supera os 60 anos e tras comprobar que as esperas son longas nalgunhas xornadas, o Concello de Vilaboa solicitou ao Sergas a instalación dalgún elemento de protección.
O Sergas sen embargo rexeitou a petición do Concello polo que o goberno municipal decidiu asumir con fondos propios a instalación da carpa mediante un sistema de aluguer que ten un coste para as arcas locais de 400 euros mensuais.
Trátase dun gasto imprevisto máis que asume íntegramente o Concello.
O alcalde, César Poza asegura que "era inhumano ver á xente facer cola á chuvia e ao frío mentras agardaba o seu turno para que os vira o médico".
O rexedor socialista lembra que "Vilaboa non é o único Concello que tivo que tirar de fondos propios para solventar esta situación, pero canto máis pequeno é o municipio menos recursos ten e resulta incomprensible a insensibilidade do Sergas con este tema".
A carpa quedará instalada ante o centro de saúde o tempo que sexa necesario. "Non pode ser doutro xeito. É absurdo que se tomen todas as precaucións posibles para non contaxiarse de Covid-19 e despois que o Sergas non protexa aos pacientes de coller unha gripe", concluíu Poza.