A curva da covid-19 segue pronunciándose na área sanitaria, que suma 62 novos positivos nun día
Por Natalia Puga
A curva de evolución da covid-19 segue crecendo xa de forma imparable na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nesta terceira onda da enfermidade, aínda que a un ritmo menor que noutras zonas de Galicia. Este mércores hai 832 casos activos, 23 máis que o día anterior, cando no resto da comunidade os pacientes crecen a ritmos de ata 196 diarios na Coruña ou 61 en Ferrol, unha área sanitaria con menos pacientes asociados que Pontevedra.
Segundo o balance oficial realizado polo Servizo Galego de Saúde, entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes confirmáronse na área sanitaria un total de 62 novos positivos, aínda que a cifra total de casos só aumentou en 23 porque tamén se deron 39 altas a pacientes.
Un dato para ter en conta á hora de analizar os novos positivos detectados é a cantidade de probas PCR realizadas. Neste período, realizáronse na área sanitaria un total de 632, das que 62 deron positivo. Isto significa que a taxa de positividade sitúase no 9,8%, menos da metade das porcentaxes de positivos dos días anteriores, cando chegaron a rozar o 23%.
Segundo o balance oficial, a presión asistencial crece, aínda que a ritmo máis baixo que o aumento de casos. Así, hai 57 pacientes con covid-19 ingresados na área sanitaria, dúas máis que o día anterior. Mantéñense en 10 os de maior gravidade, que están ingresados na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, e aumentan en dous os pacientes en planta.
En concreto, hai 47 pacientes ingresados en planta de hospitalización, 37 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 9 no Hospital do Salnés e un no Hospital Quirón Saúde Miguel Domínguez de Pontevedra.
O resto de pacientes, un total de 775, están en corentena no seu domicilio.
Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 6.726 pacientes (39 máis na última xornada) e faleceron por este virus na área sanitaria 88 paciente.
En canto a realización de PCR’ s, as 632 realizadas nas últimas 24 horas elevan a 121.546 o total de probas xa efectuadas desde o inicio da pandemia.
DATOS EN GALICIA
A nivel autonómico, este mércores tamén segue a escalada de casos activos e volve superar os 9.000. En concreto, son 9.479, 669 máis que o martes. Nas últimas 24 horas confirmáronse 1.047 novos positivos 928 a través de probas PCR.
A incidencia da covid-19 crece en todas as áreas sanitarias. Un día máis, A Coruña presenta as peores cifras, con 2.260 casos activos, 196 máis que o día anterior. Séguenlle Santiago, con 1.886 (+76); Vigo, con 1.720 (+141); Ourense, con 1.232 (+92); Lugo, con 890 (+80); Pontevedra, con 832 (+23); e Ferrol, con 659 (+61).
Nos hospitais a situación tampouco mellora. Este mércores hai 511 pacientes, 20 máis que o martes. Un total de 438 están ingresados en planta e 73 en UCI, dúas máis que o día anterior.
Desde o inicio da pandemia faleceron 1.474 persoas en Galicia, curáronse 60.363 e realizouse 1.201.074 probas PCR e 459.760 serológicas.
Relacionadas:
-
O ritmo de contaxios aumenta, con 85 nun só día e 60 pacientes no hospital
Por Natalia Puga |
-
Sanidade prohibe as reunións de non conviventes a partir das 18 horas e adianta o toque de queda ás dez
Por Natalia Puga |
-
A covid-19 dispárase tras o Nadal na área sanitaria e provoca 60 brotes de contaxios en 10 días, a maioría familiares
Por Natalia Puga |