A Pontevedra acendéuselle a lámpada
Por Redacción & Diego Torrado
Hai 125 anos na Praza da Verdura ruxía unha central eléctrica de carbón para levar o fluído aos farois.
A concellaría de Turismo organizou un Festival da Luz nas prazas do centro histórico para conmemorar este fito da chegada da luz eléctrica a Pontevedra converténdoa, o 2 de xullo de 1888 grazas ao Marqués de Riestra, na segunda cidade española en contar con este avance.
Na noite do xoves os pontevedreses tiveron a primeira oportunidade de gozar coa contemplación de singulares baños de cor, con tons cambiantes, postos ao servizo da beleza das prazas da Ferraría, do Teucro, Méndez Núñez, da Leña e da Verdura.
O Festival da Luz recupera tamén o Cine na rúa. A proposta é para a noite do venres, día 14, na praza da Verdura. Instalarase un vídeo-wall de 3 x 3 metros, composto por nove pantallas de plasma de máxima resolución. Reproducirase a película Edison, el hombre, do ano 1940, e protagonizada por Spencer Tracy.