Marín xa ten en funcionamento o novo colector da Avenida de Ourense
Por Redacción
O novo colector da Avenida de Ourense xa se atopa en funcionamento.
O Concello de Marín afirma que esta foi unha obra de saneamento "imprescindible", que mellorará o ecosistema da ría de Pontevedra. A súa execución estivo incluída nun convenio firmado entre o Concello e a Xunta de Galicia, a través do organismo Augas de Galicia, e supuxo unha inversión de 1.802.130 euros.
Segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, a empresa executora da obra, Copcisa, rematou coa fase final da obra retirando as bombas que se atopaban na Estación da Lonxa, dentro do recinto portuario. Esa estación queda xa oficialmente clausurada e a partir deste momento o saneamento funciona a través do novo colector.
Nestes momentos, a Avenida de Ourense está en plena transformación. Esta humanización forma parte da estratexia Marín Dusi e xa leva parte da súa execución avanzada.
O proxecto contempla diferentes distribucións do espazo urbano. Nun primeiro tramo, co inicio en Cantodarea, estase a habilitar unha beirarrúa de 2 metros de ancho, unha senda peonil de 3,5 metros e o carril bici, de 3 metros.
Despois haberá unha vía coexistente para os peóns e o carril de 3 metros de ancho en total e finalmente, entre o Concello e a Praza de España, o espazo distribuirase en 3 metros de beirarrúa e 2,5 metros destinado ao carril das bicicletas.
"Trátase dunha humanización integral coa que conseguiremos unha Avenida de Ourense cómoda e sostible para todos", declara a alcaldesa, María Ramallo. Tamén para o medio ambiente, xa que foi adxudicado un lote específico para a renovación de todo o alumeado, que pasará ter tecnoloxía LED, o que redundará nun importante aforro enerxético.
Relacionadas:
-
Marín creará un espazo de participación cidadá para supervisar os fondos europeos
Por Redacción |
-
Pereiras en flor de ata seis metros engalanarán a Avenida de Ourense
Por Redacción |
-
Entregan o novo colector e a estación de bombeo para recoller as augas residuais de Marín
Por Redacción |
-
A Xunta identificou 10 novas actuacións para avanzar no saneamento da ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |