Dous pavillóns do Ifevi para acoller a preto de 600 aspirantes a auxiliar administrativo da Deputación
Por Redacción
Este martes celebrábase no recinto do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) o primeiro exercicio da oposición para cubrir 8 prazas de auxiliar administrativo da Deputación de Pontevedra.
Dada a situación sanitaria, extremáronse as medidas para garantir a seguridade dos aspirantes e previr contaxios por covid. Por este motivo, o organismo provincial alugou dous pavillóns diferentes nos que repartir ás 589 persoas que se presentaron ao exame.
A Deputación elaborou un detallado protocolo que contou coa preceptiva autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. O operativo incluíu tamén o acceso por 5 portas diferenciadas, todas elas con persoal de control, para evitar colas e aglomeracións, así como a sinalización no chan de todas as vías de circulación.
Os exames comezaron ás 8.30 horas e celebráronse durante boa parte da mañá, debido a que foi necesario repartir ás persoas aspirantes en cinco quendas diferentes, cun máximo de 120 por cada unha delas. Fixeron o exame en mesas de 2,20 metros de longo, con dúas persoas por mesa, situadas a carón de cada extremo e na mesma orientación. Á vez garantiuse unha separación ampla entre todas as mesas, así como a súa completa desinfección con produtos especializados entre cada unha das quendas. O protocolo inclúe tamén un rexistro completo de todos os asistentes, e o número de asento ocupado, que será conservado durante un mes.
O proceso selectivo está destinado a cubrir 8 prazas de auxiliar administrativo na Deputación polo sistema de concurso-oposición ao estar encadrado dentro do Plan de Estabilización aprobado no ano 2018 para a consolidación de emprego e a redución da temporalidade na institución.
Por motivos de seguridade, durante a pandemia as probas con ata 10 aspirantes estanse celebrando no salón de actos do Edificio Administrativo, as máis numerosas no salón de actos do Museo e, cando é preciso, no edificio da Escola de Cantería. No caso de que o número de persoas aspirantes supere as 60 utilízase o Instituto Feiral de Vigo. No marco das medidas aprobadas na Deputación para combater os efectos da pandemia, as persoas diagnosticadas con covid-19, as que estean en illamento ou corentena ou as que teñan síntomas compatibles teñen o dereito, en función do principio de igualdade no acceso ao emprego público, de solicitar unha segunda convocatoria.