Caballero e Varela analizan a situación sanitaria en Galicia e esixen máis colaboración cos concellos á Xunta
Por Redacción
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, visitou este mércores o Concello de Vilagarcía para reunirse co alcalde Alberto Varela para presentar as emendas aos orzamentos da Xunta relativas a municipio arousán e, de paso, analizar a situación da pandemia. A este respecto, o socialista pediu 100 millóns de euros para "blindar" á sanidade pública fronte á crise da covid-19.
A situación sanitaria centrou o encontro e o portavoz socialista reclamou un plan de reforzo da sanidade pública que permita superar a terceira onda e, ao mesmo tempo, manter a calidade asistencial. Por iso, esixiu a ampliación dos equipos de vacinación e rastrexo, así como o persoal sanitario para que "a sanidade pública poida seguir actuando con normalidade".
O líder da oposición preferiu non cuestionar a ampliación do toque de queda como vén defendendo Feijoo nos últimos días. "Prudencia, responsabilidade compartida e a colaboración para gañarlle a batalla á terceira onda", reclamou Caballero.
Alarmado polo incremento da positividade, o secretario socialista lembrou a petición do seu partido para que a Xunta destinara 100 millóns de euros adicionais dos orzamentos para apoiar aos concellos na loita contra a pandemia. Aproveitou a súa visita a Vilagarcía para denunciar que os concellos están a asumir con recursos propios tarefas fundamentais para protexer políticas sociais, limpeza de colexios ou axudas aos sectores económicos máis afectados.
En referencia aos Orzamentos do 2021 para Vilagarcía, Caballero e Varela incidiron na necesidade de reforzar o Hospital do Salnés, o novo centro de saúde ou o desenvolvemento do polígono industrial como principais alegacións incluídas nas emendas dos socialistas a este documento.
Pola súa banda, o rexedor protestou por non recibir "un peso" da Xunta que compense o "esforzo inimaxinable" realizado polo goberno local para superar as sucesivas ondas da pandemia. Tamén se queixou Varela de que foi o Concello o que tivo que programar axudas para hostaleiros e comerciantes, mentres esperaban polas axudas autonómicas. " Mentres vemos como Vilagarcía volve quedar esquecida nos Orzamentos dá Xunta para 2021", rematou.