O Sindicato Unificado de Policía denuncia a falta de 44 axentes policiais na Comisaría de Pontevedra neste Ano Xacobeo
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
Ante a inminente publicación do borrador do Concurso Xeral de Méritos de Escala Básica e Subinspección no que centos de policías naturais de Galicia destinados noutros puntos da península desexan regresar á comunidade autónoma, o Sindicato Unificado de Policía (SUP) alerta de que é unha gran oportunidade para corrixir o actual déficit de axentes nas Comisarías galegas.
Desta forma, Roberto González e Sandra Castro, secretario xeral e secretaria de organización do sindicato policial, denunciaban este xoves que a Comisaría de Pontevedra conta con 44 axentes menos dos que recolle o catálogo de postos de traballo. Dun persoal que debería contar con 265 funcionarios policiais, só atópanse 221, un 16,60% menos.
En Marín faltarían oito axentes, xa que o catálogo establece 62 funcionarios e só hai 54 neste municipio. En Vilagarcía serían necesarios 10 máis porque do persoal previsto de 80 policías só hai 70 asignados.
En total, na provincia de Pontevedra falta cubrir 197 postos para alcanzar os 1.176 establecidos no catálogo mentres que en Galicia hai unha carencia de 530 axentes para os 3.244 postos previstos.
Roberto González manifestaba que estas carencias retardan os servizos e as investigacións. Recoñecía que a delincuencia nas cidades descendeu durante o último ano pero tamén afirma que as intervencións agroman con situacións de maior violencia debido ao fastío da cidadanía polas restricións e o cansazo derivado da pandemia. Tamén desde o SUP afirman que se incrementaron as colaboracións co servizo de Emerxencias do 112 Galicia debido a situacións provocadas por gromos psiquiátricos e tentativas de suicido. "É a percepción que temos a pé de rúa", indicou o secretario xeral do sindicato policial.
Alertaba, ademais, de que neste ano Xacobeo, os equipos das Comisarías carecen do persoal suficiente para facer a ameazas terroristas, ao ter en conta que se mantén o nivel 4 de alerta, de alto risco, e que a Catedral de Santiago é un dos obxectivos dun posible ataque.
Dentro das críticas, González afirmou que o catálogo non se atopa adaptado ás funcións que se desenvolven en Comisarías como a de Marín e a de Vilagarcía. Neste mesmo sentido, indicou que cada vez hai un maior incremento de delitos por internet. Desde o SUP demandan especialización e reforzo destes grupos para facer seguimento e identificación dos delitos telemáticos porque "a delincuencia está a variar".
PROBAS PCR
Roberto González manifestaba a súa preocupación porque non se están realizando probas PCR e test serolóxicos en Comisarías como a de Pontevedra, Vigo ou Vilagarcía. Sinala que a Consellería de Sanidade non realizou cribados nestes puntos e lembra que os axentes están en contacto permanente coa cidadanía e que, en casos onde hai persoas alteradas, non se pode gardar as distancias de seguridade co perigo de que se produzan contaxios.
"Estamos descontentos, sobre todo nas provincias de Pontevedra e de Lugo pola pasividade por parte do Goberno e a falta de coordinación coa Consellería de Sanidade", apuntou o representante do SUP indicando que xa trasladaron a queixa á Xefatura da Policía e á vicepresidencia da Xunta de Galicia.
Tamén solicitaron información sobre a aplicación da vacina aos axentes da Policía Nacional e aínda non obtiveron resposta.