Pontevedra rebaixou en case 1.500 toneladas o volume de residuos enviados a incinerar en Sogama durante 2020
Por Anxo Lourido
Durante 2020 rexistrouse un incremento notable de recollida selectiva nos contedores de envases, papel e vidrio do municipio de Pontevedra. Anunciábao este venres Raimundo González, concelleiro responsable de Xestión de Residuos, que mostraba a súa satisfacción tanto por estes datos como polo funcionamento do tratamento de biorresiduos, que tamén foron fundamentais nesa redución de envío de lixo á planta de Sogama en Cerceda.
Segundo explicou, en envases produciuse un incremento do 14,37% na recollida pasando de 1.020 en 2019 a 1.168 toneladas en 2020, 148 toneladas máis. En vidro, pasouse de 1.077 a 1.167 cun incremento do 8% mentres que en papel se rexistrou unha subida do 31% ao pasar de 1.389 a 1.816 toneladas no pasado ano.
O concelleiro afirmaba que se trata de datos récord, que provocaron un descenso en máis do 5,1% da cantidade de lixo enviado á planta de Sogama. As 29.658 toneladas enviadas en 2019 reducíronse a 28.199 durante 2020, case 1.500 toneladas menos.
Raimundo González entende que o tratamento de biorresiduos afectou de forma substancial nesa baixada de lixo enviado para a incineración en Sogama. Explicou que se trataron máis de 3.000 toneladas a través dos centros comunitarios, os composteiros comunitarios e a través do Plan Composta. Todo isto, a pesar da pandemia que impediu realizar campañas de sensibilización e o despregamento de composteiros individuais con normalidade, explicou o concelleiro.
Encomiou o alto compromiso medio ambiental que mostra a cidadanía de Pontevedra e sinalou que se vai a seguir traballando desde o goberno local para incrementar o tratamento dos biorresiduos de cara ao futuro contrato de recollida de residuos sólidos urbanos cuxos pregos se están elaborando para a súa saída a concurso.
XORNADAS TÉCNICAS CON OPERADORES
Cinco empresas do sector de tratamento de lixo participarán o 4 de febreiro nunha xornada semi presencial coa presenza de relatores de cada unha destas entidades para tratar temas como o modelo de recollida, xestión de biorresiduos, economía circular, uso de enerxías renovables na xestión de residuos e utilización de novas tecnoloxías. O goberno local quere coñecer o punto de vista das principais empresas do sector.
As xornadas estaban previstas para abril de 2020 pero, debido á pandemia, fóronse atrasando. Raimundo González afirma que esta cita permitirá recoller as propostas interesantes que se realicen no prego para o novo contrato de recollida de residuos e vai desenvolverse unha mesa redonda cun representante das empresas, un representante veciñal e outro dunha asociación ecoloxista.
O concelleiro afirmou que a licitación está prevista para dentro deste 2021 e previamente realizarase unha ordenanza do servizo para despois aprobar a licitación do contrato que, segundo entende, supoñerá un cambio radical na xestión dos residuos e converterase nun exemplo para todo o Estado no tratamento do lixo.
Relacionadas:
-
Sete novos composteiros comunitarios para celebrar o Día Mundial pola Redución das Emisións de CO2 en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Pontevedra licitará "en cuestión de días" o novo contrato de xestión do lixo
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra prorroga o contrato do lixo mentres ultima os pregos do novo
Por Alejandro Espiño |
-
A recollida selectiva superou en 2020 as catro mil toneladas de residuos, un 12% máis
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra organiza unha xornada técnica para 'afinar' o novo contrato do lixo
Por Redacción |
-
Barro concede a EDF-Solar a licenza para a construcción do seu centro tecnolóxico
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Aberta a participación veciñal para facer achegas ao novo regulamento do lixo
Por Redacción |
-
Os contedores marróns recolleron máis de 275 toneladas de residuos orgánicos
Por Alejandro Espiño |
-
O recibo do lixo en Pontevedra non subirá "custe o que custe" o novo contrato
Por Alejandro Espiño |