A Lama condena a quen se salta a cola para vacinarse
Por Redacción
O pleno da corporación municipal do Concello da Lama aprobou por unanimidade dos concelleiros asistentes (6 do PPdeG e 1 de Ciudadanos) unha moción presentadas por Ciudadanos e o Partido Popular para solicitar que se respecte desde os cargos públicos a orde de vacinación fixada polos protocolos para evitar que ninguén o salte.
Andrés Cal, concelleiro de Ciudadanos, solicitou o compromiso dos concelleiros presentes de respectar o protocolo de acceso ás vacinas previsto e que estipula que deben ser os colectivos máis vulnerables os primeiros en porse estas medidas de inmunización e nos os cargos políticos de calquera partido. Tamén pediu un compromiso ético para que, no caso de que se producira algún caso no concello se lle esixira a súa dimisión ou se lle cesara.
O alcalde, Jorge Canda, manifestou a súa disposición e a de todos seus compañeiros de apoiar esta medida e indicou que tanto el como os demais membros do equipo de goberno non teñen intención de ser vacinados antes da orde que estableza o protocolo polo que anunciou o voto unánime dos concelleiros populares a esta proposta.
Seguidamente o voceiro do grupo municipal do PPdeG, David Carrera, defendeu tamén a moción popular a través da cal se pedía o apoio da corporación para o fondo proposto pola Xunta de Galicia para achegar subvencións á hostalería, autónomos e colectivos máis afectados polo impacto económico da pandemia da covid-19. Tamén foi aprobada por unanimidade.
No pleno o alcalde informou que as subvencións para familias vulnerables para arranxos en vivendas están totalmente operativas e lembrou que o pasado ano pechou co arranxo de cinco vivendas que cumprían os requisitos da normativa vixente.
Tamén o concelleiro Daniel Vidal informou que xa está previsto o cambio de contedores no entorno da Braxiña aproveitando o avance do Plan Revitaliza da Deputación e da recollida selectiva de lixo polo que os depósitos irán ubicados noutra zona máis acaída.
Finalmente, sobre a posibilidade de facer plenos telemáticos, o alcalde Jorge Canda asegurou que se está estudiando o tema coa intención de que se persiste a situación actual será o máis convinte.