Comezan as obras da cuberta do consistorio de Poio
Por Redacción
O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, pasou este martes revista ao inicio das obras para a remodelación integral da Casa Consistorial de Poio. Trátase dunha ambiciosa actuación que ten coma obxectivo a mellora da eficiencia enerxética nestas instalacións, que pasarán a contar cun novo sistema de illamento para eliminar filtracións de aire e humidade, redundando, ademais, nun notable aforro de subministro eléctrico.
Ao longo destes días os operarios están procedendo a montar os andamios que rodearán o consistorio. Posteriormente, a empresa adxudicataria, Construcciones Orega Sociedad Limitada, iniciarán os traballos, que inclúen o desmonte da cubrición actual, formada por tella cerámica sobre placas de biocemento.
Procederase a habilitar unha superficie con este material, ao que lle hai que engadir o illamento térmico que garantirá unha maior eficiencia enerxética.
O orzamento deste proxecto ascende a un total de 238.704 euros, IVE engadido, e está financiado a través de fondos europeos do FEDER, conseguidos a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), que foron tramitados polo departamento de Promoción Económica.
Gregorio Agís lembrou que esta obra inclúe beneficios que van máis alá do aforro enerxético, xa que a actuación tamén permitirá lograr un maior aproveitamento das dependencias municipais.
Isto será posible grazas a que a planta superior pasará a contar con varias oficinas, así como almacéns, unha superficie útil que supera os 100 metros cadrados. A maiores, instalaranse luminarias led, que tamén garanten unha importante redución no consumo enerxético.
O concelleiro do PSdeG-PSOE sinalou, ademais, que estas obras non afectarán á actividade diaria no Concello, que poderá seguir prestando servizo á veciñanza como ata o de agora.
O proxecto conta cos pertinentes permisos e autorizacións, entre as que se atopa a da Dirección Xeral de Patrimonio.
O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica lembra que esta actuación sigue a estela das xa levadas a cabo no ximnasio municipal e no pavillón da Seca, onde tamén se está a mellorar a eficiencia enerxética, a través da mellora da cuberta, no caso do pavillón, e da fachada exterior do ximnasio. Estes proxectos tamén se financian a través dos fondos europeos do IDAE.
Relacionadas:
-
Reordenan diversos servizos municipais con motivo das obras de reforma do edificio do Concello
Por Redacción |
-
O pavillón da Seca e o ximnasio municipal de Poio estrearán 2021 cunha mellor eficiencia enerxética
Por Redacción |
-
A casa consistorial de Poio terá unha nova cuberta antes do verán de 2021
Por Redacción |