Ponte Caldelas axuda a preto de cen familias vulnerables a través dos programas municipais
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas fixo balance do seu Programa de Emerxencia Social Municipal, que xestiona o departamento de Servizos Sociais. Durante o ano 2020, un total de 54 familias recibiron axuda.
Dentro destas familias beneficiarias, contábanse 83 persoas adultas e 51 menores de idade. Foron en total 118 axudas directas que paliaron necesidades básicas como alimentación, alugueiro ou compra de lentes.
Das 118 axudas, 5 foron para aluguer; 53 para alimentación; 1 para enterro; 3 para lentes de menores; 1 para lentes de adulto; 1 para luz; 1 para arranxo de vivenda; 3 para desprazamentos médicos e 50 para mercar agasallos de Nadal a menores.
En 2020, un ano especialmente complicado pola pandemia, tamén se atendeu a outras 43 familias que quedaron puntualmente nunha situación de vulnerabilidade. Estas familias sumaban un total de 90 adultos e 29 menores.
Esta axuda fíxose efectiva a través do financiamento extraordinario para a prestación de servizos básicos de emerxencia para os concellos de menos de 20.000 habitantes.
Segundo informan fontes municipais, os servizos sociais de Ponte Caldelas prestan axudas a todas as persoas que dispoñen de poucos recursos, sempre que cumpran os requisitos establecidos no Baremo Económico do Regulamento de Emerxencia Social Municipal e que acheguen toda a documentación que se lles require.
Relacionadas:
-
Os comerciantes do mercado de abastos doan alimentos ás familias máis desfavorecidas de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
50 vales de 50 euros para que ningún escolar quede sen agasallo este Nadal
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas incrementará a partida de emerxencia social ata os 35.000 euros
Por Redacción |