Marín contratará dez novos peóns e tres conserxes e realizará accións en materia laboral con perspectiva de xénero
Por Redacción
Marín aprobou a posta en marcha do procedemento burocrático para contratar dez peóns e tres conserxes. Segundo explicaron fontes do goberno municipal, o motivo son as "necesidades urxentes e inaprazables que se ten de persoal en sectores, funcións e categorías que son indispensables para satisfacer as necesidades básicas da veciñanza".
Para poder levar a cabo esta contratación, o Concello solicitará unha subvención de 113.288,50 euros á Deputación de Pontevedra e con cargo á liña 3 do Plan Concellos do 2021, unha contía á que o goberno municipal sumará unha porcentaxe de fondos propios.
Así mesmo, o Concello seguirá traballando para fomentar a contratación pública de colectivos desfavorecidos ou con dificultades de ingreso no mundo laboral, entre as que se encontran as mulleres vítimas de violencia de xénero.
Para iso, o goberno local solicitará unha axuda de 35.271,60 euros á Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, para poder así contratar a dúas mulleres conserxes.
Seguindo nesa liña laboral con perspectiva de xénero, o Concello solicitará tamén axudas á Federación Española de Municipios e Provincias e ao Instituto da Muller para a Igualdade de Oportunidades, que teñen en concesión inversións para que as entidades locais desenvolvan accións que permitan fomentar a transversalidade de xénero na planificación e desenvolvemento de políticas públicas locais.
Neste caso, terán especialmente en conta que se faga incidencia na conciliación e a corresponsabilidade, que contribúan a facilitar a atención e o coidado de menores, persoas maiores e dependentes e colectivos especialmente vulnerables; e considerarán a implementación de plans de emprego con perspectiva de xénero.
Para a consecución destes dous últimos obxectivos, o Concello pedirá unha aportación de 15.000 euros, máis unha porcentaxe de achega municipal.