A covid-19 duplicou o tempo medio de espera para operarse en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Desde que chegou a pandemia da covid-19, toda a atención sanitaria estivo centrada, como non podía ser doutro xeito, en combater un inimigo descoñecido ata ese momento e que levou ao límite ao sistema público de saúde. E ese esforzo tivo o seu reflexo nas listas de espera.
Así o recoñece o Servizo Galego de Saúde, que vén de publicar os tempos medio de espera para intervencións cirúrxicas, primeiras consultas e primeiras probas diagnósticas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés durante o ano 2020.
E aínda que as autoridades sanitarias consideran que estes tempos de espera foron "moderados", o certo é que a pandemia disparou as listas en todas as especialidades, a pesar do bo facer dos profesionais da sanidade pública para contrarrestar esta situación.
Os datos oficiais revelan que a área sanitaria pechou o ano 2020 cun tempo medio de espera de 73,7 días para unha intervención cirúrxica. É máis do dobre do que tiñan que esperar os pacientes a finais de 2019, cando eran 35,6 días.
Máis detalladamente, nestes momentos para operarse nos quirófanos do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHUP) hai que esperar unha media de 78,4 días, mentres que no Hospital do Salnés hai que facelo durante 44,9 días.
Iso si, a recuperación nos últimos meses foi sobresaínte polo esforzo dos profesionais sanitarios. A 30 de xuño, tras o estado de alarma e o confinamento, esta demora chegou ata os 92,1 días de media que, no caso do CHUP elevouse incluso ata os 94,2 días.
Durante todo o ano, na área sanitaria realizáronse 18.099 intervencións cirúrxicas -11.130 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 6.969 no Hospital do Salnés-, cifras que supoñen unha media diaria de algo máis de 80 intervencións diarias.
DEMORA MEDIA EN CONSULTAS E PROBAS DIAGNÓSTICAS
Polo contrario, a pandemia apenas se fixo notar na demora media para as consultas externas, que foi de 35,2 días en toda a área sanitaria. A finais de 2019 era de 33,7 días. Por centros sanitarios, os pacientes do CHUP agardaron este ano 30,7 días e os do Salnés 47,4 días.
O total de consultas atendidas acadou as 2.163.649, das que 1.740.584 se atenderon en Atención Primaria, cunha porcentaxe do 35% de consultas de tipo presencial, e as restantes 423.065 nos hospitais -das que 100.219 foron primeiras consultas e as restantes 322.846 consultas de revisión- cunha porcentaxe de consultas atendidas telefonicamente do 32%.
A demora media en consultas externas tamén mellorou de xeito importante no segundo semestre do ano. A 30 de xuño de 2020 había unha espera media de 50,9 días -38,3 días no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 76,0 no Hospital do Salnés-.
Nas probas diagnósticas, a espera media para os pacientes situouse en 41,8 días, catro días máis que no mesmo período do ano anterior, en radioloxía (21,4 días no CHUP e 50,1 días no Salnés); e de 29,9 días no conxunto da endoscopia dixestiva, urolóxica e xinecolóxica (16,3 días en Pontevedra e 43,9 días no Salnés).
Concretando máis as probas radiolóxicas, a demora media no TAC foi de 30,5 días -26,8 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 31,3 días no Hospital do Salnés-. Respecto ao peche de xuño, que era entón de 93,1 días, diminuíuse a espera nuns 60 días.
No que atinxe á demora media para efectuarse unha resonancia magnética foi de 36,1 días -26,4 no CHUP e 41,7 días no Hospital do Salnés-.
PACIENTES CON PRIORIDADE E HOSPITALIZACIÓNS
E que pasa cos pacientes con prioridade clínica? Pois que a demora media nas cirurxías de prioridade 1 foi de 9,3 días nos centros hospitalarios pontevedreses.
Con respecto ás vías rápidas, coas que se pretende dar unha atención nun tempo inferior a quince días a aqueles pacientes con sospeita de patoloxía grave, a área sanitaria rematou 2020 cunha demora inferior aos 5 días dende a detección da doenza dun paciente en Atención Primaria ata a súa chegada á unidade do hospital que debe resolver a situación.
Hospitalizáronse, ao longo do pasado ano, un total de 13.543 pacientes -9.418 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 4.125 no Hospital do Salnés- o que supuxo unha media diaria de 65 ingresos diarios.
ATENCIÓN EN URXENCIAS
Nos servizos de Urxencias, pola súa banda, o pasado ano 2020 atendéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 247.561 pacientes, dos cales 147.938 recibiron asistencia nos puntos de atención continuada en Atención Primaria, mentres que os restantes 99.623 nas urxencias hospitalarias do CHUP (66.562) e do Salnés (33.061).
A media de urxencias atendidas diariamente durante o pasado ano acadou na área sanitaria a cifra de 270 asistencias urxentes.
Relacionadas:
-
Derivan pacientes de Pontevedra a Vigo ante a situación hospitalaria en Montecelo
Por Redacción |
-
Alejo, enfermeiro do equipo covid do CHUP: "Os traballadores da área dámolo todo e conseguimos saír de moitos gromos"
Por Manu Otero |
-
As obras do Gran Montecelo empezarán en xuño e mobilizarán máis de 2.600 empregos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |