Xaneiro, o mes con máis mortos pola covid-19 de toda a pandemia
Por Alejandro Espiño
A terceira onda da covid-19 non perdoa. Salvar o nadal foi, segundo os expertos, un erro cuxas consecuencias provocou que, día tras día, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés marquen (tristes) récords na incidencia dunha pandemia que por agora está descontrolada.
E xaneiro de 2021, dez meses despois de que se confirmase a detección do primeiro caso de coronavirus en Galicia, foi ata o momento o peor mes deste pesadelo sanitario.
Non só en casos activos, con 2.469 infectados ao 1 de febreiro. Ou en novos contaxios, con máis dun centenar diarios -mesmo máis de douscentos- desde hai máis de dúas semanas. Ou en hospitalizados, con 162 pacientes ingresados por covid-19, 31 deles na UCI
A peor cara da pandemia, os falecidos, foron tamén máis que nunca. Nin en marzo, en pleno estalido da covid-19, nin no outono cando a segunda onda fixo que a primeira quedase pequena. Neste sentido, a terceira -a actual- é xa un tsunami.
Un total de 35 persoas faleceron na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés durante o mes de xaneiro, segundo os datos do Servizo Galego de Saúde. Esta cifra aínda pode crecer nos próximos días, en función das comprobacións que realicen as autoridades.
Son catro veces máis dos que houbo en marzo de 2020, no que morreron nove persoas que contraeran o virus. Ata o de agora, os meses que rexistraran unha maior mortalidade foran novembro e decembro, con 25 (dez menos que en xaneiro).
Só en xaneiro houbo máis falecidos que entre os meses de marzo e outubro xuntos.
En total, perderon a vida pola covid-19 durante este último mes 29 pacientes en Montecelo, tres no Hospital do Salnés, dous en residencias e un no seu propio domicilio. Foron 23 homes e doce mulleres, recollen as estatísticas do Sergas.
No hospital pontevedrés, máis detalladamente, os falecidos tiñan entre 51 e 60 anos (2) -o máis novo tiña 55-, entre 61 e 70 anos (4), entre 71 e 80 anos (11), entre 81 e 90 anos (7) ou máis de 90 anos (5). O de maior idade, un home de 96 anos.
No Salnés, pola súa banda, faleceron tres homes de 74, 83 e 86 anos; mentres que dúas mulleres de 79 e 91 anos pereceron na residencia de Vilaboa. Un home de 61, que morreu na súa casa de Ponte Caldelas, completan este tráxico balance de xaneiro.
Relacionadas:
-
As vacinas déronnos un respiro fronte á pandemia
Por Alejandro Espiño |
-
Solicitude dun cribado masivo en Vilaboa ante o incremento de contaxios
Por Redacción |
-
Dúas vítimas máis na área sanitaria por covid-19, dous homes de 74 e 86 anos en Montecelo e O Salnés
Por Redacción |
-
Os contaxios repuntan en Poio e Vilagarcía mentres se estabilizan en Pontevedra e Sanxenxo
Por Alejandro Espiño |
-
Os casos activos por covid-19 triplicáronse na área sanitaria desde o Nadal
Por Alejandro Espiño |
-
Tres novos falecementos en Montecelo por covid, nunha xornada onde Sanidade notifica 40 mortes en Galicia
Por Redacción |
-
Un de cada tres novos contaxios rexístranse en Pontevedra, Marín e Sanxenxo
Por Alejandro Espiño |
-
Os hospitais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, "moi preto do abismo" pola covid-19
Por Alejandro Espiño |
-
Os hospitalizados por covid-19 crecen a 161, 31 na UCI, nunha xornada con 119 novos contaxios
Por Alejandro Espiño |