O campamento de Cabo Udra divide á corporación municipal de Bueu
Por Redacción
O campamento turístico que a comunidade de montes de Beluso proxecta no Cabo Udra non convence a todo o mundo. Só dos partidos da corporación municipal, o BNG e ACB, apoiaron a declaración de interese municipal do proxecto. O PP abstívose e o PSOE votou en contra.
Esta declaración, que chegou ao pleno telemático celebrado este luns pola vía de urxencia, pretende amparar os comuneiros para que realicen as consultas previas coa Xunta de Galicia para estudar a viabilidade deste campamento, destinado inicialmente para autocaravanas.
Os impulsores desta iniciativa, pensada para a zona coñecida como Chan de Esqueiros, explican que este proxecto pretende resolver o problema que se dá nunha zona na que, ano tras ano, se padecen os efectos do estacionamento "prolongado" de autocaravanas "sen ter os servizos precisos nin a infraestrutura mínima e cun impacto sobre a contorna natural".
Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, defendeu no pleno que con esta declaración de interese municipal "o que pretendemos é dar o noso apoio institucional" para que se poidan solicitar os informes. Ademais, destacou que hai un "precedente similar": o cámping de Ons.
Desde o PP, a súa voceira Elena Estévez mostrou as súas dúbidas sobre esta iniciativa da comunidade de montes de Beluso, porque "aínda que somos conscientes de que existe un problema" a localización elixida "non nos convence" por ser un espazo protexido.
A este respecto, tamén o socialista José Manuel Vilas expuxo as súas dúbidas e reiterou que existen lugares máis axeitados para una área para autocaravanas no municipio "e non instalala nun lugar que non permiten as directrices e as normativas".