"O teu nomeamento como comisaria de Pontevedra ten moito máis valor que 400.000 discursos"
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, eloxiou este martes a figura da comisaria xefa da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra, Estíbaliz Palma, á que deu as grazas polo significado do seu posto. "O teu nomeamento e a túa imaxe de muller empoderada ten moito máis valor para a Igualdade que 400.000 discursos", díxolle.
A comisaria Palma visitou á presidenta da Deputación para entregarlle un exemplar do libro 'Incorporación de la mujer a la Policía Nacional. 40º aniversario. Creciendo en Igualdad', que recompila unha ampla información sobre o sucedido nestas catro décadas neste Corpo policial.
Estíbaliz Palma, que leva dous anos como máxima responsable da Policía Nacional na provincia, estivo acompañada pola responsable do Punto de Contacto de Derechos Humanos e Igualdalde (DHI) da Xefatura Superior de Galicia, Noelia Pago.
Segundo a información facilitada pola Deputación, Estíbaliz Palma trasladou a Carmela Silva que optará este ano a promocionar como comisaria principal e a presidenta da Deputación "advertiulle" que debe quedar en Pontevedra unha vez que acade o ascenso. "Necesitámoste aquí!", pediulle
Silva e Palma comentaron polo miúdo os cambios producidos dende que a muller accedeu á Policía Nacional, un cambio que ao principio foi lento, pero que colleu impulso a partir do ano 2000. A día de hoxe, o 15% dos efectivos do Corpo Nacional de Policía son mulleres e a porcentaxe segue en crecemento.