Valentín García Escudero abrirá en outubro
Por Diego Espiño
A praza de Valentín García Escudero recuperá para uso público nas próximas semanas case 1.500 metros cadrados dos 2.000 que estaban valados.
En outubro os veciños da zona poderán gozar dun espazo público que contará cun parque infantil e que de momento conservará á vista os restos do porto medieval, tal e como recoñeceu nunha visita á zona o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores: "estamos no quilómetro cero de Pontevedra, onde naceu a cidade, onde hai vestixios romanos coma os miliarios da Vía XIX e tamén o porto medieval probablemente mellor conservado da Península Ibérica, por tanto está é zona de memoria. Haberá un espazo verde, paseos para dar continuidade ao Camiño Portugués e tamén un parque infantil para encher de actividade esta zona e dinamizala".
Miguel Fernández Lores: "Veremos no futuro como facemos, se o consolidamos ou se o musealizamos"
A zona contará con paneis informativos sobre os restos arqueolóxicos e un valo de metros e medio que rodeará o espazo no que se seguirá traballando nos próximos meses. Como quedará no futuro segue sendo unha incógnita: "o espacio co porto medieval, os arcos, cremos que é un atractivo e veremos no futuro como facemos, se o consolidamos ou se o musealizamos".
O Concello investiu máis de 200.000 euros na reforma deste espazo, co espera revitalizar unha zona que, segundo Fernando Martínez, voceiro dos veciños, volve ser de paso para os pontevedreses: "vemos mucho más movimiento de gente, los vecinos están contentos, antes no pasaba gente por aquí".