O "escándalo" do Concello do Porriño salpica á Deputación, afirman no PP provincial
Por Redacción
A situación do Concello do Porriño "é un escándalo maiúsculo, intolerable, que traspasa ao propio concello e salpica ao goberno provincial e á Deputación de Pontevedra", así de contundente móstrase o grupo provincial do Partido Popular de Pontevedra en relación á situación que se vive nese municipio e en como afecta á institución provincial.
Os focos do PP e centran na figura de Manuel Carrera, concelleira do partido independente que deu a alcaldía a Eva García de la Torre no Porriño e que está imputado pola trama clientelar. Segundo Jorge Cubela, portavoz provincial do PP, que estivo acompañado este venres polo presidente local do Porriño e deputado provincial Alejandro Lorenzo, para denunciar o caso, Manuel Carrera é asesor na Deputación desde o pleno de investidura.
Cubela afirma que é administrativo delegado do grupo provincial do Partido Socialista e o custo anual para as arcas provinciais é de 48.964 euros. O portavoz popular entende que se trata de "un posto de confianza que é fundamental para manter na alcaldía do Porriño á alcaldesa que máis veces pasou polo xulgado, e a que máis sentenzas está a acumular por contratos a dedo e ilegais".
Afirma que o voto de Carrera foi decisivo para manter na alcaldía a Eva García de la Torre e ao PSOE, ademais de resultar fundamental para manter unha "rede clientelar de contratacións a dedo sen contrato algún, facilitando pagos en recoñecementos extraxudiciais que son competencia do pleno se non existe partida orzamentaria, situación pola que Carrera tamén está imputado".
Desde o PP critícase o "silencio cómplice de Carmela Silva e do PSOE provincial". Reclaman explicacións claras e esixen a inmediata destitución de Carrera como asesor delegado do PSOE na Deputación.
Alejandro Lorenzo, pola súa banda, explicou que o Concello do Porriño pagou no último lustro facturas por importe de 16 millóns de euros levantando os reparos do interventor municipal. E denunciou que se trata do municipio que máis facturas debe de toda Galicia por falta de pagamento, cun importe de 4,8 millóns de euros por "contratos feitos de forma verbal e adxudicados a dedo, que están no caixón".
Os populares piden ao grupo provincial do PSOE unha resposta sobre o papel que realiza Manuel Carrera como asesor delegado na Deputación.