Lavado de cara para o parque infantil da Praza 8 de Marzo
Por Redacción
A concellería de Desenvolvemento Sostible pon en marcha un plan para que todos os parques infantís de Pontevedra cumpran coa normativa europea en materia de seguridade.
A previsión é iniciar os traballos coa renovación do parque infantil situado na Praza 8 de Marzo, o situado xunto á urbanización coñecida como a Cidade de Pedra.
A reforma, que levará a cabo a empresa Baygar cun orzamento de 20.023,56 euros, realizarase en base aos criterios marcados pola firma especializada STO (Solucións Técnicas de Lecer), contratada polo Concello para auditar as condicións de seguridade de todas as zonas de xogo da cidade e verificar que respectan coa normativa europea UNE-EN 1176.
En concreto nesta actuación incluiranse, entre outras cuestións, a reparación do valado substituíndo as pezas en mal estado e dotándoo dun listón para evitar atrapamentos de cabeza; a cobertura de arestas e de parafusos nas bases dos farois; a substitución de papeleiras; a recolocación de bancos: o reforzo do pavimento de caucho de seguridade; e a recolocación de tres xogos.