Deteñen un home de 55 anos por media ducia de furtos e roubos en Bueu
Por Redacción
Cinco furtos en establecementos comerciais de Bueu e un roubo con intimidación a unha persoa á que abordou pola rúa cunha arma branca. Son os feitos delituosos que se lle imputan a un home de 55 anos que foi detido pola Garda Civil.
Todos eles, segundo informa o instituto armado, cometéronse desde o pasado mes de novembro polo detido, que acumula un amplo historial.
As investigacións da operación Bamarín, iniciadas polo posto de Baiona-Nigrán en colaboración co de Marín, permitiron obter numerosos indicios contra este home.
Nos comercios esta persoa, que é veciña do propio municipio de Bueu, furtaba carteiras, bolsos e mesmo o peto dunha farmacia.
O feito máis grave produciuse cando abordou a un a un mozo na rúa e ameazouno cunha arma branca para que lle entregase as súas pertenzas, entre elas a carteira e o seu móbil, valorado nuns 800 euros.
O detido pasou a disposición xudicial perante o xulgado de instrución de garda de Marín.